Seguimento masivo da folga nas tendas de Inditex para exixirlle que cumpra o acordo e retome a negociación provincial

Nacional -

"Non somos traballadoras de segunda". Con esta consigna as dependentas de Inditex volveron este xoves ás rúas da Coruña, Compostela e Narón para reclamarlle á multinacional que cumpra o acordo asinado en decembro e retome a mesa de negociación provincial. A xornada de folga convocada pola CIG coincide co inicio do período de rebaixas e está tendo un forte impacto nas diferentes cadeas do grupo.

Na comarca de Ferrol o seguimento é do 100%, en Compostela sitúase sobre o 90% e na Coruña está no entorno do 70%. Carmiña Naveiro e Lucía Domínguez, presidentas dos comités provinciais de Zara e Stradivarius, destacan o éxito do paro xeral nas tendas e chaman a atención sobre o volume de contratación eventual realizado pola multinacional para tentar cubrir ao máximo o persoal en folga. Apuntan que moitas das tendas abriron con persoal eventual, con persoal encargado e mesmo con persoas alleas ás tendas procedentes da central ou comerciais, e que se están atendendo sen a cobertura necesaria para o período de rebaixas.

Mobilizacións nas rúas

Para visibilizar a súa loita, as traballadoras mobilizáronse nos piquetes informativos dende a hora de apertura nos puntos de maior concentración de tendas. Así na Coruña, o piquete comezaba ás 10h no entorno da rúa Compostela e a Praza de Lugo, onde se fixo unha mobilización arredor do mercado, para saír despois en marcha até o establecemento de Zara da Rúa Juan Flórez e continuar até Catro Camiños. Ademais, arrouparon as compañeiras de Women'secret (do Grupo Cortefiel) que hoxe tamén están en folga contra a explotación laboral que sofren. Pola tarde o piquete desprazarase até o centro comercial Marineda City.

En Compostela, as compañeiras comezaron a chegar por volta das 09:30h até o centro comercial das Cancelas onde despois  de percorrer o interior do complexo e comprobar que non había actividade, partiron en manifestación até a Praza Roxa, realizando polo camiño paradas nas tendas do Ensanche. Na quenda de tarde, o piquete informativo fará o percorrido á inversa rematando cunha pequena concentración as Cancelas.

Na comarca de Ferrol, o piquete mobilizouse dende primeira hora no Centro Comercial Odeón de Narón, xa que aquí se concentran todas as tendas de Inditex. As traballadoras concentráronse as portas do centro comercial e fixeron un percorreron polas instalacións para comprobar que, efectivamente, todos os estabelecementos permanecían pechados.

Inditex teima en non cumprir o acordo

A decisión de convocar folga chega ante a rotunda negativa de Inditex a reabrir o marco de negociación provincial "a pesar do acordo asinado en decembro" e das diversas mobilizacións realizadas polas delegadas da CIG e as traballadoras nos últimos meses, incluíndo un peche de catro días na central de Arteixo.

As delegadas da CIG na provincia da Coruña (onde a central nacionalista ostenta máis do 70% da representación) salientan que as propostas que se están a tratar na mesa de Madrid non supoñen ningunha mellora nas condicións salariais, laborais e sociais das traballadoras da provincia e reivindican a capacidade das dependentas "de decidir aquí as nosas condicións sen tutelas e respectando a representación legal que saíu elixida nas eleccións sindicais".

Sobre as reivindicacións a Inditex, explican que se trata de cuestións que quedaron pendentes da anterior negociación e que xa ten recoñecidas o persoal doutras empresas do grupo coa mesma cualificación e convenio, como axudas sociais, a antigüidade, o plus do traballo en tardes e sábados, o bono comida, ou a redución da xornada por idade.

Xunto a isto, unha reclamación fundamental para as traballadoras pasa pola homoxeneización e a equiparación de todas as condicións entre as distintas cadeas (calendarios, libranza dos sábados, licencias e descansos, xornadas, categorías etc.), pois consideran "inxusto e discriminatorio que dentro da mesma provincia teñamos condicións distintas polo simple feito de traballar nunha cadea ou noutra".

Así as cousas, as traballadoras reiteran que continuarán pelexando para que Inditex cumpra co acordado e sente negociar as súas lexítimas demandas.

Alén da xornada de folga na Coruña, un grupo de dependentas de Inditex na provincia de Pontevedra mobilizouse hoxe en Vigo para reclamar a equiparación laboral con outras provincias do Estado e para rexeitar a política de centralización da negociación colectiva que está aplicar o grupo téxtil.

A protesta, convocada pola CIG-Servizos, desenvolveuse ás 11:30 horas diante da tenda de Zara na rúa do Príncipe ao berro de “Negociación aquí e non en Madrid”, “Traballo en Inditex e non chego a fin de mes” e “Aquí traballamos, aquí negociamos”.

Porque unhas das principais reivindicacións do persoal pontevedrés é que a compañía cumpra o pactado coa CIG en decembro, cando se comprometera a constituír o marco provincial para avanzar na nova negociación colectiva tanto das cuestións pendentes como da renovación do convenio colectivo, cuxa vixencia remata a final de ano. “Pero agora néganse a respectar o asinado e pretenden impoñer a negociación estatal, moitísimo máis barata para a empresa e prexudicial para as traballadoras/es”.

Mais coa mobilización tamén reclaman a equiparación laboral con outras provincias, departamentos e cadeas do grupo no que ten que ver coa antigüidade (que CCOO e UGT conxelou no convenio do sector téxtil “a cambio de nada”), co plus de tarde, co resto de axudas sociais e coas reducións de xornada en función da idade que existen nas distintas plataformas loxísticas.

Por iso dende a CIG-Servizos anuncian que se en próximas datas non se producen avances nas negociacións (“tras cinco xuntanzas a dirección só ofrece a antigüidade a partir dos oito anos na empresa e que supón a ridícula cantidade de entre 7 e 16 euros ao mes”) convocarán novas protestas en establecementos do grupo.

Volver