O persoal de Blavice Services de Narón e Vigo irá a folga polo mantemento dos seus empregos

O paro desenvolverase o mércores 26

Narón -

A CIG-Servizos convoca unha xornada de folga en Blavice Services SL, en protesta pola decisión da empresa de liquidar a sociedade, abocando a ducias de traballadores e traballadoras con capacidades diversas ao paro e non dando solución de ningún tipo á problemática do persoal. A folga terá lugar o vindeiro mércores 26 de outubro e afectará aos centros de traballo que a mercantil ten Galiza, o de Narón e o de Vigo.

Con motivo do paro xeral, a CIG tamén convoca mobilización rúas de Ferrol, que comezará ás 11 horas diante do edificio da Xunta de Galiza, marchará pola Avenida do Rei, Rúa María, Rúa Terra e Rúa da Igrexa para rematar novemente diante do edificio da Xunta, sobre ás 11:30 horas, onde se fará unha concentración.

A CIG-Servizos, explica que no ano 2020 a empresa comezou a pagarlle menos do legalmente esixible a unha parte do persoal que conservaba mellores condicións que as establecidas no convenio colectivo sectorial, ao vir subrogado da empresa Amil Lago Servicios Generales. "Tras varias reunións coa empresa para intentar negociar o cobro das cantidades adebedadas, e despois de reiteradas negativas patronais, a CIG iniciou un proceso de conflito colectivo para reclamar as cantidades pendentes", sinala Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.

Cando o xuízo estaba próximo, a empresa citou a CIG para pedir negociar o pagamento dos atrasos, solicitude "á que accedemos con toda a boa fe esixíbel para tal negociación". En xuño de 2021 acordouse adiar o pagamento dos atrasos durante 12 meses, emprazando ás partes a negociar en xuño de 2022 o xeito en que ían ser abonados. "Para a nosa sorpresa, chegado xuño deste ano, o que recibimos non é o esperado: a empresa propón unha modificación substancial colectiva das condicións de traballo na que se especificaba a necesidade de que se perdoasen o 100% dos atrasos para garantir a supervivencia da empresa".

Sen garantías de ningún tipo

Prodúcense entón unha serie de reunións ao longo dese mes para negociar o expediente, "nas que non se dá ningún tipo de opción á representación legal do persoal que non pase por condonar a débeda, sen ningún tipo de garantía de conservación de emprego nin doutro tipo. A empresa só nos di que teñen a necesidade de non pagar o adebedado ou non pode subsistir por máis tempo", sinala Rodríguez.

Diante da inflexibilidade da empresa e a ausencia de garantías, o período de consultas péchase sen acordo. "Pero o máis sangrante é que a empresa podería ter executado dita modificación a pesar de non chegares a acordo coa parte social, deixando de ter a obriga de pagar as cantidades atrasadas, e no lugar diso, toma a decisión de liquidar a sociedade", denuncia Rodríguez.

Por iso, as traballadoras e traballadores sospeitan que atrás desta decisión, o que pretenden os socios é conservar a clientela que tiñan para continuar a actividade a través doutra empresa libre de responsabilidades salariais cos empregados e empregadas, contratando de novo ao persoal mais sen antigüidade, nin as melloras obtidas no convenio previo.

"Atopámonos pois ante unha clara situación de terrorismo patronal cun dos colectivos máis desfavorecidos no mercado de traballo; ducias de persoas con capacidades diversas das comarcas de Narón e de Vigo que ven o seu futuro e o seu desenvolvemento da vida persoal moi comprometido, aínda isto que parece non importarlle moito aos socios de Blavice Services", denuncia.

Volver