Frantz Fanon e “Os condenados da terra”

Manuel Mera -

Na obra de Fanon destaca tanto o rexeitamento ao colonialismo e ao racismo, como unha rexa oposición a calquera tipo de alienación e opresión. A actualidade do tema é evidente, máxime nunha conxuntura histórica de auxe dos procesos de asimilación e desarmamento intelectual das clases populares e das nacións máis débiles e carentes de soberanía

 Este é o titulo do libro máis coñecido de Frantz Fanon, aínda que o primeiro que eu lin a finais da década dos sesenta do século pasado foi Sociología de la Liberación, cando era un emigrante en Bos Aires que se iniciaba na militancia política organizada. Coido que é o mesmo libro que publicou a editorial ERA en México co titulo de Sociología de una Revolución no ano 1968.  Reflexiono sobre este tema porque Fanon, autor dos dous libros nomeados e algúns máis, fixo unha importante contribución á comprensión dos procesos coloniais no ámbito cultural e do patrón de comportamento das persoas sometidas a esta situación.

 Fanon naceu na Martinica no ano 1925, no seo dunha familia acomodada. Sumouse con 17 anos ao exército inglés e despois ao francés para combater contra a Alemaña nazi. Retornou por pouco tempo á súa illa natal e despois realizou estudos en Lyon de medicina onde se graduou como  psiquiatra no ano 1951. Será enviado a Alxeria polo goberno francés en 1953 como xefe medico a unha clínica psiquiátrica. Un ano antes publicou Pel Negra, Máscaras Brancas, súa primeira obra.

 Uniuse á Fronte de Liberación Nacional (FLN de Alxeria) en 1954, en plena guerra de independencia. Tomou en parte esta decisión como reaxer contra as medidas que o Goberno e o exército francés estaban aplicando en Alxeria, onde a tortura e as matanzas de civís eran algo cotiá. Traballaba daquela nun hospital onde chegaban tanto as vítimas como os seus torturadores.  En setembro de 1956 participou no Primeiro Congreso de Escritores e Artistas Negros, onde presenta un relatorio sobre racismo e cultura.

 No verán de 1956 redactou a súa famosa Carta Pública de Renuncia ao Ministerio Residente, por cuxo motivo sería expulso de Alxeria en 1957. Despois de pasar por Francia viaxou en segredo a Tunisia onde se incorporou ao colectivo editorial “El Moudjahid” (lembremos que este país acadou a independencia ese ano e serviu de retagarda á FLN). Durante este período tamén fixo de embaixador provisional do Goberno alxeriano en varios países africanos. No ano 1958 participa como membro da delegación de Alxeria na Conferencia Panafricana en Accra.

 Para se incorporar á terceira fronte de combate en Alxeria farao a través do deserto do Sáhara. Despois desta esgotadora viaxe diagnosticóuselle leucemia. Viaxou á URSS para o seu tratamento  conseguindo algunha melloría temporal. Ao seu retorno a Tunisia foi cando escribiu Os condenados da Terra que se considera o seu testamento político. Recibiu un último tratamento medico nos Estados Unidos, onde morreu aos 36 anos o 6 de decembro de 1961 no hospital  Bethesda no estado de Maryland. A independencia de Alxeria proclamouse o 3 de xullo de 1962.

 No seu pensamento político ten moi en consideración a cuestión psicolóxica, superando polo tanto calquera reducionismo economicista. A seguinte escolma dalgúns anacos do seu libro Os condenados da Terra permítenos achegarnos ás súas reflexións:

«O dominio colonial, por ser total e simplificador, tende axiña a desintegrar o xeito particular da existencia cultural do pobo sometido. A negación da realidade nacional, as relacións xurídicas novas introducidas pola potencia ocupante, o rexeitamento cara á periferia, pola sociedade colonial, dos indíxenas e os seus costumes, as expropiacións, o sometemento sistemático de homes e mulleres fan posíbel esta obstrución cultural».

«A cultura nacional é, baixo o dominio colonial, unha cultura sometida, cuxa destrución é alentada de xeito sistemático. Moi axiña é unha cultura condenada á clandestinidade. Esta noción de clandestinidade é percibida axiña polas actuacións do ocupante, que interpreta a vixencia das tradicións como unha fidelidade ao espírito nacional, como unha negación a se someter. (...) Ao cabo de un ou dous séculos de explotación, prodúcese un verdadeiro empobrecemento do panorama cultural nacional. A cultura nacional convertese nun acervo de hábitos mecánicos, de tradicións de vestimenta, de institucións esnaquizadas».

«A nación non é só a consolidación da cultura, da súa efervescencia, da súa renovación cotiá, do seu profundamento. É tamén unha esixencia. É, tamén en primeiro lugar, o combate pola existencia nacional o que desatranca o bloqueo da cultura, o que abre as portas da creación».

«Para asimilar a cultura do opresor, e aventurarse nela, o colonizado tivo que dar garantías. Entre outras, fixo súas as formas de pensamento da burguesía colonial».

 Verbo da cuestión lingüística é moi explícito: «Falar un idioma significa sobre todo asumir unha cultura, implica absorber o contido dunha civilización».

 Frantz Fanon é moi critico cos intelectuais nos países coloniais e dependentes, tanto polo seu clientelismo dos grupos dominantes como polo seu afastamento das clases populares mesmo nas formas:

«Acudir a unha linguaxe técnica significa que se quere considerar o pobo como profano. Esta linguaxe disimula mal o desexo dos conferenciantes de enganar o pobo, de deixalo fóra. A andaina de escurecemento da linguaxe é unha máscara tras a cal se perfila un máis amplo obxectivo de despoxo».

 Na súa obra destaca tanto o rexeitamento ao colonialismo e ao racismo, como unha rexa oposición a calquera tipo de alienación e opresión. A actualidade do tema é evidente, máxime nunha conxuntura histórica de auxe dos procesos de asimilación e desarmamento intelectual das clases populares e das nacións máis débiles e carentes de soberanía. A batalla no eido das ideas está en primeiro plano. Polo tanto, é fundamental para un proceso de liberación! Non só para ofrecer unha alternativa de lectura da realidade (social, económica, política...) deformada polos xornais. Pensemos tamén na cantidade de horas que a xente pasa diante dun televisor e ordenador. Non podemos ignorar que estes medios se empregan polas clases dominantes, intensivamente, todos os mecanismos de comunicación e do ámbito da cultura de masas en todos os seus formatos e modos, para aumentar o control na modelación da conciencia das clases subalternas. Preténdese deste xeito superar sen grandes atrancos o profundo reaxuste sistémico actual (a crise) e garantir no futuro un longo período de máxima opresión e explotación coa menor oposición.

 Sen dúbida ningunha Frantz Fanon, para alén de que mereza unha especial lembranza a súa figura polo seu papel na Revolución Alxeriana, as súas reflexións seguen sendo de actualidade e son de obrigada lectura. Isto último é especialmente importante para os moitos pobos que padecen unha situación colonial, semicolonial ou neocolonial, como é o caso da  nación galega.

 

[Galiza, 22 de setembro de 2022]

Volver

Novas relacionadas