Outubro de 1916: Nebra, revolta popular e represión sistémica

Manuel Mera -

A mobilización reivindicativa dos labregos e labregas de Nebra non foi un feito illado. Nesa mesma época déronse situacións semellantes en Oseira en 1909, Sofán en 1919 e Guillarei en 1922, por nomear as máis coñecidas pola violencia coas que foron reprimidas. En todos estes actos de protesta ou reivindicativos, a xustiza brillou pola súa ausencia

 Na parroquia de Nebra, no concello de Porto do Son, o 12 de outubro de 1916, como consecuencia da infame represión da Garda Civil a unha manifestación pacífica de labregos/as, algúns medios elevan até sete as persoas que foron mortas, das cales tres faleceron posteriormente por mor das feridas. Como mínimo, catro das vítimas son mulleres, o que as coloca na primeira liña da confrontación, algo que era normal nas protestas labregas da época.

 As persoas feridas atinxiron as corenta. Das feridas de gravidade, que non morreron, nove foron levadas a Compostela, cinco homes e catro mulleres. Das persoas que foron hospitalizadas, con ferida de bala, sabemos as idades: ían dos 16 até os 59 anos. Son datos que reflicten que a represión  da Garda Civil foi ao chou (un capitán, 2 tenentes e 32 “números”). O motivo da protesta dos 300 labregos/as, que se axuntaron no lugar de Cans, era evitar o embargo dunha vaca a un veciño por impago dun imposto especial. Este fora aprobado polo Concello, que deste xeito quería eliminar o déficit nas contas do ano 1915, que a Deputación da Coruña lle esixía saldar. Segundo a Garda Civil, “a protesta violenta contra o embargo contou coa complicidade da Liga Agraria de Nebra que intentou recuperar o animal requisado, polo que se fixo inevitábel a utilización da forza”.

 Malia que as autoridades culparon os labregos e labregas de que fose necesaria a represión, non era certo. As persoas concentradas intentaron evitar o embargo e non portaban fouces ou calquera outro trebello que permitise unha agresión, tal como se evidencia no feito de que só houbo dous gardas con contusións leves, mentres que, pola contra, unha vintena das persoas concentradas foron feridas de bala. Ademais, os labregos/as fixeran previamente xestións para evitar a cobranza ou adiala no tempo, tanto diante do Concello como do Goberno Civil, sen ningún resultado positivo.

 Era un imposto inxusto, polo que a Corporación Municipal xa esperaba o rexeitamento dos veciños/as cando o aprobou o 12 de xaneiro de 1916. A Liga Agraria de Nebra tomou a iniciativa da resposta á aldraxe e convocou a veciñanza a unha manifestación o 3 de abril fronte ao Concello, esixindo a dimisión da Corporación. O comercio pechou as portas, uns por solidariedade e outros por medo. As autoridades municipais non reciben os concentrados, o que alenta o descontente. Faloulles o presidente da Protección Obreira de Porto do Son, Xosé Ferrín, para calmar os ánimos, e despois un estanqueiro da vila. Ao final, os presentes berran: Morran os caciques! Viva a unión dos labregos e traballadores! Nisto apareceron tres parellas da garda civil armados con fusís e comezaron a repartir golpes, mallando a xente coas culatas.

 Foron detidos cinco veciños. Para pedir a súa liberdade realizouse unha manifestación até Noia, á que se achegan veciños/as do Son, de Noal, Nebra e Portosín, aos que se lle axuntaron xentes da vila, até sumar un milleiro de manifestantes que se concentraron nas portas do xulgado. Diante desta demostración de forza, o xuíz deixou en liberdade os presos que foron levados a ombreiros polas rúas de Noia. No mesmo mes de xuño, convocouse unha nova mobilización no Porto do Son, xa que o tema de fondo, o imposto especial, seguía vixente. Reuníronse diante do Concello tres mil veciños/as de todas as parroquias. Desta volta a Garda Civil non fixo acto de presenza até que se disolveu a concentración. Logo deste acto de protesta masivo, a Corporación presentou a dimisión diante do Gobernador (do Partido Liberal), mais este non a acepta, agravando así o conflito.

 Despois dos tráxicos acontecementos do 12 de outubro, o xuíz decretou a clausura da Liga Agraria de Nebra e da Protección Obreira de Porto do Son. Produciuse axiña un forte movemento de solidariedade do movemento obreiro, de republicanos, socialistas e galeguistas. O 29 de outubro celebrouse un mitin no teatro Rosalía de Castro da Coruña, ao que asistiron 3.000 persoas, para protestar polos sucesos de Nebra, nas que interviñeron, entre outros, Casares Quiroga, concelleiro, en nome dos republicanos, e Durán García en representación de Solidaridad Gallega. Ao final do mitin, celebrouse unha manifestación á que asistiron 4.000 persoas, segundo o Faro de Vigo. O 3 de novembro, realizouse en Compostela unha asemblea de estudantes da universidade para rexeitar a represión en Nebra.

 Tal como se pedira no mitin da Coruña, tivo o día 20 de novembro lugar en Compostela unha asemblea de solidariedade á que asistiron organizacións obreiras e agrarias, e asociacións culturais de toda Galiza. Estaban presentes socialistas e republicanos, traballadores do naval e portuarios do Ferrol, representantes obreiros de Vigo, Lugo e Ourense. Úrsula Prieto, Jesusa Criado e Adela Martínez, en nome das obreiras da Coruña. Na asemblea falou Xosé Pasín, dirixente obreiro local, que formaba parte da Irmandade da Fala de Compostela, fundada o 28 de maio de 1916. O Faro de Vigo salienta que había moitos obreiros, mariñeiros e estudantes na asemblea, e que Rey Artal, do Sindicato de Oficios Varios de Compostela pediu que despois desta asemblea se fixese un Congreso para crear unha Federación Obreira Galega. As principais decisións tomadas, ademais de manifestar a solidariedade cos labregos/as, foron: esixir a dimisión do Gobernador e que se castigase os culpábeis. O Faro de Vigo e o Diario de Galicia salientan, dada a súa excepcionalidade na época, que o Sr. Míguez, da Sociedade de Agricultores de Ventosela, falou en galego neste acto público, pedindo a rexeneración do país.

 A mobilización reivindicativa dos labregos e labregas de Nebra non foi un feito illado. Nesa mesma época déronse situacións semellantes en Oseira en 1909, Sofán en 1919 e Guillarei en 1922, por nomear as máis coñecidas pola violencia coas que foron reprimidas. En todos estes actos de protesta ou reivindicativos, a xustiza brillou pola súa ausencia, aínda que nalgúns casos, como en Nebra, as clases dominantes víronse obrigadas a facer concesións, mais sen mudar no esencial. Evidentemente houbo debates parlamentares auspiciados pola oposición, dimisión dalgunha autoridade menor e como estratexia do poder, deixar que o tempo fose esvaecendo os masacres.

 Algúns dos nosos escritores/as e políticos máis sobranceiros do galeguismo denunciaron con contundencia dende o século XIX, o trato vexatorio que recibía o rural galego, como foi o caso de Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Leiras Pulpeiro, Basilio Álvarez, Ramón Cabanillas, Castelao, etc. Porén, non se pode ignorar que a resposta máis forte e teimosa sempre veu dos/as propios afectados/as. E a maior solidariedade, da clase obreira, malia os custos da represión sistémica constante a ambos os colectivos das clases populares galegas.

 

[Galiza, 27 de outubro de 2025]

Volver