A CIG rexeita as manobras de Leche Celta para negociar un convenio de grupo e deixar sen efecto o da fábrica de Pontedeume

A central convoca asembleas de persoal para avaliar a situación e xa ten presentado conflito colectivo en vía xudicial

Pontedeume -

A representación da CIG no comité da fábrica de Leche Celta en Pontedeume compareceu este mércores en rolda de prensa para rexeitar as pretensións da empresa de negociar un convenio colectivo de grupo e deixar sen afecto o convenio que dende 2017 vén aplicando na planta galega. Con esta manobra, entenden que a compañía busca laminar a capacidade organizativa da CIG -conta con seis delegadas e delegados das nove persoas que integran o comité- e afastar o ámbito de negociación colectiva e a capacidade de decisión dun cadro de persoal que se ten demostrado combativo e loitador.

Grupo Celta comprende as empresas Leche Celta SLU, Iberleche e Lactogal Productos Alimentares e conta con plantas en Andrade (Pontedeume), Meruelo (Santander) e Ávila, así como unha oficina comercial en Barcelona. “Nós entendemos que non procede a negociación dun convenio de empresa que no seu ámbito de aplicación incluía o centro de Pontedeume, porque aquí xa existe un convenio colectivo estatutario en vigor e a lei prohibe esta duplicidade”, explicou Francisco Cartelle, da Executiva Confederal da CIG.

Ante esta actuación patronal, a CIG xa presentou conflito colectivo nos xulgados para que se recoñeza esta unidade de negociación como a única válida para o persoal da fábrica de Pontedeume. Cartelle reiterou que non se pode negociar un convenio colectivo que afecte a un ámbito no que xa hai un marco laboral en vigor e destacou que, do grupo empresarial, o único centro de traballo con convenio propio é o de Pontedeume. “O resto de centros teñen acordos de empresa non estatutarios e, polo tanto, non teñen o carácter de norma, non son lei”.

Un convenio propio conseguido grazas á loita

Un logro, salientou a presidenta do comité, María Xosé Vizoso, que foi pelexado polas traballadoras e traballadores de Pontedeume, que no ano 2017 apostaron pola mobilización e a folga para conseguir melloras salariais e laborais por enriba do convenio estatal de industriais lácteas (de condicións moi precarias) que se plasmaron na sinatura do primeiro convenio da fábrica de Andrade.

Vizoso subliñou que a raíz da loita do persoal de Pontedeume para acadar este convenio, o resto de centros de traballo tamén puideron negociar acordos de empresa para mellorar as súas condicións, que son un “copia-pega”.

A presidenta do comité lamentou que durante as folgas para a consecución do convenio e para a súa renovación no ano 2021, as factorías de Santander e Ávila actuaran como elementos de esquirolaxe, ao derivarlles o grupo Celta a produción que non se podía sacar adiante en Galiza. “Na última negociación, a planta de Pontedeume estivo parada un mes, e o que estaba pasando era que Ávila e Santander envasaban o leite que non se podía envasar en Pontedeume nese tempo, e nunca tivemos apoio por parte destes compañeiros e compañeiras”, criticou.

Negociación de proximidade

Dende esta experiencia, matizou Cartelle, “resulta difícil que o persoal de aquí poda confiar neses compañeiros e compañeiras doutros comités que tiveron esa actitude de esquirolaxe. E hai que recordar que, incluso aquí, a representación da UGT na última folga, cando a situación se puxo tensa, dimitiu do comité de folga”.

Agora, con esta manobra, a empresa pretende retirarlle ao cadro de persoal de Pontedeume o poder de decisión sobre as súas condicións de traballo. “Aquí somos o 100% no ámbito de negociación deste convenio colectivo e no ámbito de negociación dese convenio de grupo de empresas pasaríamos a ter sobre un 30%, polo tanto non teríamos a maioría suficiente para impulsar uns avances que foran significativos e realmente bos para o persoal”, advertiu Cartelle.

Para avaliar todas estas cuestións e acordar as accións a levar adiante, a CIG vai convocar asembleas de traballadores e traballadoras este xoves día 30, co obxectivo de defender o dereito a unha negociación colectiva próxima, na que o persoal teña toda a capacidade de decidir en cada momento sobre o que se negocia.

Volver