Neoliberalismo e desfeita cultural

Manuel Mera -

Neste intre o vello imperialismo, de matriz anglosaxoa, e países aliados nun papel subimperialista e subordinado, ven como van perdendo poder no eido económico, mesmo da tecnoloxía punta. E a globalización neoliberal amosa que chegou á súa etapa final, afondando na confrontación e a desigualdade, así como na desfeita ecolóxica

 Hai case que dúas décadas o profesor e analista norteamericano James Petras, no artigo “O imperialismo cultural no finado século XX”, analizaba o proceso de asimilación que no eido da cultura e os comportamentos sociais se estaba a dar en paralelo coa globalización neoliberal no eido económico. Dicía Petras: «O imperialismo non pode ser entendido só como un sistema económico-militar de control e explotación. A dominación cultural é unha dimensión integrante de calquera sistema sustentábel de explotación global... En relación ao Terceiro Mundo, o imperialismo cultural pode ser definido como a penetración sistemática e a dominación da vida cultural das clases populares polo clase dirixente de Occidente co fin de reordenar os valores, o comportamento, as institucións e a identidade dos pobos oprimidos...».

 Resulta evidente que a globalización está acompañada dunha revolución nas comunicacións dixitais, que esmagou aínda máis as defensas que os pobos dependentes e subalternos tiñan, tanto para preservar a súa identidade, como para garantir o control e redistribución dos bens e servizos producidos polo seu esforzo cotián. Daquela que, malia os avances técnicos, esta sexa a etapa de maior desigualdade e destrución cultural nos últimos séculos. Hoxe, mesmo estados poderosos como Francia sentiron este perigo, de aí que París dese unha dura batalla na OMC respecto da produción e comercialización audiovisual, fronte aos intereses anglosaxóns liderados polos Estados Unidos.

 Neste intre o vello imperialismo, de matriz anglosaxoa, e países aliados nun papel subimperialista e subordinado, ven como van perdendo poder no eido económico, mesmo da tecnoloxía punta. E a globalización neoliberal amosa que chegou á súa etapa final, afondando na confrontación e a desigualdade, así como na desfeita ecolóxica. Nesta lóxica imperialista agudizase o control das ideas e da cultura, como nunca antes polo “mundo occidental” (e tamén dentro del). Unha regresión  que nos coloca no conflito permanente, en lugar de procurar saídas negociadas, coa maior cantidade de suxeitos, para garantir a súa pluralidade e fortaleza como garantía de cumprimento das normas.

 Polo tanto, para superar esta poza non abonda con medidas que transformen o modelo económico e social e o modo de vida, dando pasos decisivos a prol da xustiza social, da soberanía dos pobos, e da democracia participativa, ademais urxe manter o patrimonio cultural en toda a súa diversidade, porque é parte esencial da riqueza da humanidade! Hoxe internet, a TV, mesmo moitos xornais e radios, transmiten ou retransmiten directamente dende os centros político-económicos, cunha estrutura propia da etapa feudal, dado que a maior parte están controlados por grandes corporacións que valoran que consideran a información como un ámbito máis da acumulación e de expansión do poder.

 As persoas pasan horas diante das pantallas en actitude pasiva, e realizan nas redes e cos móbiles accións repetitivas, co que isto implica respecto das mensaxes directas así como subliminais. Por exemplo como se agochan conflitos como os de Sudán, deixan no esquecemento xenocidios como os de Gaza, aprovéitase a guerra Rusia+OTAN, para alentar o militarismo na Unión Europea e frear a oposición social as reducións nas prestacións e servizos públicos...

 Agora ben, os gobernos, mais tamén as corporacións, dado a súa incidencia e poder, deben ter obrigacións coa sociedade mundial, e con cada nacionalidade, grande ou pequena. Obrigacións non só respecto do desenvolvemento económico e social, con igualdade de trato, con condicións laborais dignas, coa protección do ecosistema, senón tamén, como algo esencial: potenciar todas as culturas e linguas, ou sexa, preservar a diversidade. Porque a pregunta é: que mundo queremos construír? Un mundo de autómatas?

 

[Galiza, 21 de setembro de 2026]

Volver

Novas relacionadas