Nova protesta en Gadis contra a abusiva carga de traballo, na defensa dos dereitos e a equiparación salarial
Lugo -
Traballadoras e traballadores de Gadis na provincia de Lugo concentráronse este venres no supermercado que a empresa ten na Avda da Coruña para denunciar a sobrecarga laboral que teñen que soportar, na defensa dos seus dereitos e para reclamar a equiparación salarial. Con esta protesta, a sección sindical da CIG (que ostenta a maioría absoluta do comité) dá continuidade á campaña de mobilizacións para exixir condicións dignas en Gadis.
Un dos problemas que denuncian é abusiva carga de traballo que teñen que realizar porque Gadis segue sen cubrir as ausencias de persoal, tanto nas vacacións como durante as baixas. A isto engádense as presións para que as traballadoras acurten o tempo da baixas, a non regularización das categorías laborais ou o reparto desigual das quendas.
Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, apunta que ademais destas reivindicacións, tamén se lle reclama a Gadis que abra unha mesa de negociación de melloras para avanzar na equiparación salarial e reducir a fenda que hai entre os soldos que perciben as traballadoras e traballadores de Lugo con respecto ao persoal doutras provincias. Esta era unha demanda que a CIG defendeu na negociación do convenio provincial do comercio de alimentación, frustrada coa traizón de UGT e USO.
Reunións sen avances
A raíz do inicio das mobilizacións, sinala Paz, a empresa accedeu a manter reunións co comité "pero as negociacións apenas avanzan e incluso nalgunha das trres xuntanza que tivemos apareceronn con propostas disparatadas como modificar as condicións de traballo, ou cuadrantes nos que non hai persoal en caixa".
Por iso, xa avanza que as mobilizacións continuarán até que se dea resposta ás reivindicacións das traballadoras e os traballadores e que se estenderán tamén a Froiz, a outra empresa que xunto con Gadis controla o convenio sectorial.