O 100% das traballadoras secundan a cuarta folga de Women’Secret na provincia da Coruña

Ante o desprezo da empresa valoran aumentar os paros e non descartan a folga indefinida

A Coruña -

Todas as tendas de Women’Secret da provincia da Coruña permaneceron pechadas este sábado pola folga convocada polas traballadoras da firma para denunciar a precariedade laboral que sofren e reclamar ao Grupo Tendam (ao que pertencen marcas tan coñecidas como Cortefiel ou Springfield) que contrate máis persoal, mellore os salarios e respecte os dereitos de conciliación.

Coincidindo coa cuarta xornada de folga as traballadoras concentráronse diante da tenda da Praza de Lugo na cidade da Coruña. Denuncian a falta de resposta e o “desprezo total” da empresa e xa están valorando aumentar os días de paro, sen descartar mesmo a convocatoria de folga indefinida. Polo momento xa están convocadas para os días 7 de setembro, 5 de outubro, 2 de novembro, 29 de novembro e 7 de decembro.

As compañeiras desta cadea son “con moita diferencia” as que peores condicións teñen do Grupo, pois “nin sequera saben canto van cobrar a fin de mes”. Aseguran que hai traballadoras que teñen até 30 anexos (subidas ou baixadas de horas) diferentes nun ano porque a empresa non quere facer contratos fixos”. Advirten ademais que o persoal é tan escaso “que non poden nin ir ao baño, facer os descansos entre xornada, e coller as licencias retribuídas porque só hai unha dependenta por tenda”.

 

Demanda de máis persoal

A súa principal reivindicación é o reforzo dos cadros de persoal, xa que en toda a provincia, Women’secret conta con cinco tendas e unhas 30 traballadoras, cando “faría falta o dobre de persoas para poder atender toda a carga de traballo en condicións dignas”, explican.

Segundo os seus cálculos sería necesario incrementar cen horas de traballo en cada unha das tendas para poder garantir que se respectan os dereitos laboras das traballadoras.

Xunto a isto, reclaman melloras salariais xa que, a diferenza doutras cadeas do grupo, as encargadas de Women’secret cobran até 300 euros menos e non se percibe ningún plus de responsabilidade.

A representación social leva tempo reclamándolle sen éxito á empresa que corrixa estas situacións e xa presentou denuncia na Inspección de Traballo para que tome as medidas precisas.

A carga de traballo continúa a ser insoportábel e o abandono por parte da dirección da empresa é maior cada día que pasa. Segundo denuncia a CIG-Servizos, néganse a aplicar os aumentos de xornada e a contratación que reclama o comité de empresa unha e outra vez.

En pleno período de rebaixas de verán e coas tendas repletas de clientela e batendo récords de venda, a cantidade de persoal é exigua. As traballadoras caen enfermas e non son substituídas. Chega a darse o caso, en repetidas ocasións, de ter que pechar as tendas de maneira temporal por non poder atender a clientela ou repoñer a mercadoría vendida.

A dirección da empresa -lembramos que se trata do grupo Cortefiel, cuxo principal propietario é un fondo de investimento- observa impasíbel o sufrimento das súas traballadoras e limítase a facer caixa e recoller os beneficios.

Volver