O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas mobilízase por un SAF con orzamentos e persoal suficiente

Reclaman unha atención digna á dependencia e que se garantan as necesidades de apoio que teñen as persoas dependentes e as súas familias

Nacional -

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse esta mañá nas sete cidades galegas para reclamar un Servizo de Axuda no Fogar adecuado, dotado con orzamentos e persoal suficiente e que responda ás necesidades de apoio que teñen as persoas dependentes e as súas familias.

Con este obxectivo, a central sindical segue a demandar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos públicos, incluído o SAF, "para que as persoas dependentes poidan ter cubertas as súas necesidades en condicións dignas e de xustiza social".

Un servizo derivado aos Concellos, privatizado e con escasos recursos

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG véns denunciando desde hai tempo as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores. Carencias entre as que salientan un tempo de espera de máis de un ano desde a solicitude de dependencia até que se ten a resolución da prestación ou que, ademais, a agarda pode ser inda maior desde a resolución até que se ten a prestación, nalgún caso mesmo anos.

Neste sentido, afirman que actualmente segue habendo máis de 2.500 persoas agardando por unha prestación, a maioría delas máis de 6 meses e que se contan por miles nos últimos anos as persoas que tendo aprobada unha prestación para a atención á dependencia, morren antes de que esta prestación chegue.

Subliñan que na Galiza existen un total de 286 centros residenciais, que teñen un total de 21.952 prazas; que só hai 71 residencias públicas con 5.016 prazas e que, porén, hai 215 residencias privadas con 16.936 prazas. Datos que confirman que o peso das prazas públicas é mínimo.

Ademais, o total de prazas de residencias non acada máis que o 3,5% de persoas maiores de 65 anos da Galiza. Algo que queda moi lonxe do 5% que a OMS recomenda como mínimo. E isto nun país que ten máis dun cuarto da poboación maior de 65 anos.

En canto aos centros de día, pasa algo similar. Non hai nin sequera un centro de día por cada concello. E dos 252 centros de día existentes, só 97 son públicos.

Precariedade laboral

Pero ademais de todas estas cuestións, o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas entende que hai unha grave situación urxente que abordar: O Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Na Galiza, pola nosa cultura e forma de ser apegada á terra, preferimos vivir o máximo tempo posíbel na nosa casa e só acudir a un centro asistencial cando non queda máis remedio. Mais para isto precísase un Servizo de Axuda no Fogar axeitado, dotado con persoal suficiente e que supoña o necesario apoio para as persoas dependentes e as súas familias.

O Servizo de Axuda no Fogar non pode cumprir esa función adecuadamente na situación actual. Denuncian, a este respecto, que é un servizo cuxa competencia a Xunta fíxoa recaer nos concellos e cun financiamento insuficiente.

De aí que haxa múltiples modelos de xestión, a maior parte deles en mans privadas, que supoñen grandes problemas na prestación da atención.

O Servizo de Axuda no Fogar, na actualidade, conta con persoal insuficiente, que fai que haxa unha importante sobrecarga. Esta sobrecarga redunda negativamente nas persoas usuarias, que ven mermada a atención que se lles presta, e nas traballadoras (na súa inmensa maioría mulleres), que soportan o peso de asumir moitas tarefas en pouco tempo.

Ademais, este persoal non está xustamente retribuído, nin coas condicións laborais adecuadas, dado o traballo que fan. Trátase de administrar coidados, unha tarefa xa de por si pouco valorizada, pero que supón unha enorme responsabilidade, importantes esforzos físicos e emocionais e mesmo grandes riscos para a saúde. E todo isto non se ve compensado, dado que teñen un salario dos máis baixos do mercado laboral.

Cambios necesarios

Por iso o colectivo entende que son necesarios cambios nas políticas de atención á dependencia, e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantir unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos, cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

Deste xeito, exixen a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que xestione todos os recursos públicos, incluíndo o Servizo de Axuda no Fogar. Consideran, ademais, que este Servizo debe ser xestionado directamente pola Xunta de Galiza, que non pode derivar esa competencia aos concellos, que xa de por si teñen grandes dificultades para poder prestar esta atención adecuadamente, e aos que se traslada esta prestación sen un financiamento adecuado.

Volver