O persoal da Escola Municipal de Música da Coruña mobilizarase polo futuro do centro, a xestión directa e os dereitos laborais
A Coruña -
O persoal da Escola Municipal de Música da Coruña vai iniciar mobilizacións en defensa do futuro do centro, para reclamar a xestión directa por parte do Concello, que se lle asigne o orzamento necesario para ofertar unha ensinanza pública e de calidade e para demandar tamén que se cumpra co estabelecido no convenio colectivo. Así o anunciaron esta mañá nunha comparecencia pública na que avanzaron unha primeira concentración para o mércores 25 de setembro, ás 20:30h, diante da propia escola (rúa da Torre, 67).
A esta seguiranlle as seguintes mobilizacións periódicas: xoves 3 de outubro, ás 11:30h, diante do Consorcio para a Promoción da Música (rúa Riazor, 8); mércores 9 de outubro, ás 11:30h, diante da escola; e o mércores 16 de outubro, ás 11:30h, diante do Concello da Coruña, en María Pita.
A EMM pertence ao Concello da Coruña pero xestiónase a través do Consorcio para a Promoción da Música mediante un contrato-convenio que neste momento atópase coa prórroga rematada. A este ente tamén está adscrita a Orquesta Sinfónica de Galiza, a Xoven Orquesta, a orquesta de crianzas, os coros de crianzas, mocidade e adultos; á que se destina a maior parte do orzamento do Consorcio.
O principal problema da escola, advirte o persoal, é que non ten partidas propias nin autonomía de funcionamento e depende do Consorcio para calquera xestión, compra ou arranxo que se precise: dende a adquisición de material funxíbel e instrumentos, até a afinación destes, a contratación de persoal ou a organización de actividades culturais fóra do centro. E sobre todo denuncian "que a dirección non ten capacidade para poder desenvolver e avanzar no proxecto educativo".
A EMM leva anos padecendo un déficit orzamentario e por este motivo, en decembro pasado, a representación legal do persoal e a CIG fixeron xestións para que os Orzamentos do Concello da Coruña destinaran 250.000 euros e así cubrir as necesidades do centro para 2024. "No pacto político BNG-PSOE recóllese dita cantidade, pero logo ao executarse polo Goberno local ditos orzamentos, non chega á escola, sendo desviada para outros fins no Consorcio", salientaron. Agora, co curso recén iniciado, non hai cartos no centro para material, mantemento, nin reparacións.
Como exemplo deste deterioro expoñen as seguintes situacións:
- atasco nos aseos, quedando pechados durante longos períodos de tempo por falta de mantemento, sendo un asunto de gravidade
- entubados dos aseos picados, non sendo cambiados por falta de recursos
- falta de finalización no cambio das luces do centro
- ausencia de climatización e insonorización nas aulas
- as cornisas
- falta de mantemento do tellado
- falta de persoal en administración, etc.
As limitacións económicas chegan ao punto que non se fixo a inspección da caldeira (xa no curso pasado houbo períodos nos que non se acendeu a calefacción por non poder pagar o subministro). E probablemente non se poderá realizar a revisión do ascensor, que caduca en decembro, ocasionando, entre outros, os seguintes inconvenientes:
- as persoas con mobilidade reducida non terán acceso ás aulas
- veráse limitada a formación educativa, repercutindo directamente no alumnado que usa a Escola Municipal de Música da Coruña, posto que non se poderán trasladar os instrumentos necesarios para o bo desenvolvemento das clases, "como pode ser as agrupacións, que son a imaxe da escola".
- Non só influirá na actividade docente, senón que afectará á hixiene e a limpeza do edificio.
A isto hai que sumarlle os estragos nos instrumentos musicais e nos equipos informáticos causados este verán por un curtocircuíto no colexio Curros Enríquez, co que se comparte o cadro eléctrico, habendo nestes intres 5 empalmes e co risco que isto supón, "por non nomear as deficiencias do propio edificio debido a antigüidade deste e a falta de reformas". Cómpre sinalar que o centro comparte inmóbel co CEIP Curros Enríquez, que este ano se renovou por completo agás a parte que ocupa a Escola Municipal de Música, quedando no esquecemento.
Tamén hai alumnado que se queda sen praza ao non haber orzamento para ampliar o horario lectivo do profesorado xa contratado (que na maioría dos casos está a xornada parcial), así como a falta de oferta doutros instrumentos por non permitir a contratación de novo profesorado, quedando a escola moi limitada.
Incumprimentos do convenio colectivo
Ás necesidades na xestión do centro educativo, engádenselle os incumprimentos do convenio colectivo asinado a principios do 2024, no referente ao pago dos atrasos polo cambio de categoría do profesorado, o pagamento do complemento social e a reformulación en positivo dos trienios. Estes dereitos económicos teñen carácter retroactivo a xaneiro de 2021 e o propio Consorcio calcula que deben ser uns 40.000 euros.
Todas estas cuestións foron trasladadas polo persoal e a representación da CIG en reiteradas ocasións ao Consorcio para a Promoción da Música, ao Concello da Coruña, ao pleno municipal a través do escano cidadá, e ao propio responsábel da Concellaría de Cultura, Gonzalo Castro, con quen se mantiveron moitas xuntanzas, tendo lugar a última o pasado 9 de setembro. "Todas elas con boas predisposicións, compromisos de solución e largas no tempo, pero sen feitos; e incluso cambios de rumbo preocupantes", advertiron.
Traballo digno e de calidade na escola
Ante o crítico futuro da EMM e a ausencia de solucións por parte do Concello, o persoal acordou facer unha denuncia pública e iniciar mobilizacións, segundo palabras da delegada de persoal, Matilde Teijeiro, "para poder seguir realizando un traballo digno e de calidade na escola, de reforzo ao labor social que se fai no centro de cara á cidadanía da Coruña, así como que se respecten os nosos dereitos laborais".
Neste senso, demandan que se cumpra o compromiso de municipalizar o centro pasando a súa xestión directa ao Concello, de igual xeito que no seu momento se fixo coa Banda Municipal de Música. Destacan tamén a necesidade de contar cun orzamento suficiente para garantir o proxecto educativo que merece a cidadanía da Coruña.