O persoal dá por rotas as negociacións ao non aceptar Beatriz Seijo ningunha demanda e retirar as xa acordadas

Logo de 20 de días de folga, os traballadores e traballadoras reafirman a súa vontade a seguir na loita

Santiago de Compostela -

O comité de folga dá por rotas as negociacións con Beatriz Seijo SL ao non aceptar a empresa ningunha das reivindicacións e mesmo dar marcha atrás nas xa acordadas. Tras a reposta por escrito da empresa, o persoal e a CIG-Ensino anuncian que van intensificar as accións de protesta até acadar os obxectivos previstos.

Despois de 20 días de folga, as traballadores e traballadoras agradecen o apoio económico recibido para ir sufragando unha caixa de resistencia e mantéñense firmes no seu posicionamento.

Durante a concentración realizada esta mañá diante do espazo de Santa Marta leron un comunicado no que cualificaron de "desprezo á nosa profesionalidade, aos nosos oficios e o que é peor, unha burla cara a nosa situación laboral", a resposta dada pola dirección da empresa ás demandas trasladadas na negociación do pasado 23 de setembro.

Denuncian que a empresa simplemente dixo "non a todas as nosas demandas", rexeitando incluso compromisos xa adquiridos con anterioridade e con argumentos "burdos e mal intencionados que se ceban nas compañeiras".

Na concentración criticouse que a única estratexia da dirección sexa xogar ao esgotamento ou agardar a que o persoal abandone a empresa de xeito voluntario, renunciando aos seus lexítimos dereitos. "Non están dispostas a tratarnos como persoas nin como profesionais, senón a tratarnos con autoritarismo como subordinadas obedientes", lamentaron.

Diante disto, as traballadoras e traballadores reafirman a súa firme vontade en continuar as reivindicacións no mes de outubro, convocando novas mobilizacións, aulas abertas e outro tipo de accións para visibilizar a súa loita.

Negociacións rotas

O comité de folga declara que as negociacións están nestes intres rotas despois de que a empresa non acepte a readmisión da traballadora despedida, que tivera a relación laboral como falsa autónoma, nin ningún tipo de suba salarial malia que as traballadoras estean a cobrar 8,5 horas por hora.

Tamén se nega a corrixir a data de chamamento das fixas discontinuas que tiñan que estar dadas de alta desde comezos de curso e nin sequera acepta a realización de reunións periódicas nin a redución de ratios en actividades, sobre todo nas aulas de cerámica nas que os recursos e espazos son limitados, para atender correctamente o alumnado.

Volver