O persoal da recollida do lixo de Carballo conclúe 16 días de folga evidenciando a disposición a loitar por un convenio digno

O paro repetirase do 11 ao 22 de agosto se non hai avances na negociación

Carballo -

O persoal da recollida de lixo de Carballo remata este xoves a primeira das xeiras de folgas acordadas no novo calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno. DeNde o pasado día 7 até este xoves 18 de xullo, o paro rexistrou un seguimento total, xa que só entrou a traballar o persoal designado como servizos mínimos.

Porén, a empresa concesionaria, UTE Carballo (Urbaser S.A. e Servicios Gallegos de Lacería), continúa sen moverse nin retomar as negociacións para tentar avanzar nun acordo malia que os efectos da folga son visíbeis en todo o municipio. A este respecto, os traballadores e as traballadoras lamentan os inconvintes causados á veciñanza pero responsabilizan a empresa de "non deixarnos outras saída que a folga, ante unhas propostas que saben que son inasumíbeis".

Nestes 16 días, o persoal evidenciou a súa firme disposición a loitar por uns salarios xustos e conseguir unha mellora nas condicións laborais e sociais e critican que a única intervención do Concello de Carballo no conflito fora para impor un servizos mínimos totalmente desproporcionados e para intentar boicotear o paro suplindo con persoal municipal o persoal en folga.

Neste contexto, o responsábel da CIG de Carballo, Martín Caamaño, sinala que se abre agora unha oportunidade de avanzar nun achegamento, polo que lle demanda á empresa "que se mova e presente unha proposta sobre a que realmente se poida negociar". Do contrario, para o próximo mes xa está convocada outra xeira de folgas do 11 ao 22 de agosto.

Caamaño incide en que malia os beneficios millonarios de Urbaser, que foron de máis de 211 millóns no ano 2023, os soldos dos traballadores e traballadoras da UTE Carballo están no SMI. "Garantir que todas as categorías están por enriba dos incrementos do salario mínimo e que os traballadores non van perder poder adquisitivo son demandas que a empresa pode asumir sen problema", asevera. 

Por iso, critica as ofertas salariais de miseria trasladadas pola empresa, que se nega tamén a asumir o complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns (malia ser este un traballo cun alto índice de penosidade e de exposición a altos grados de toxicidade); unha cláusula que garanta  que as próximas revisións do SMI non absorberán determinados pluses que xa existen no convenio (como a nocturnidade ou a penosidade); ou incluír unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real.

Volver