O persoal de Albada irá á folga tres días para exixir máis medidas de seguridade e garantías no cobro da paga de produtividade

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras da planta de Nostián irán á folga os días 19, 24 e 26 de xullo para exixirlle á empresa que adopte as medidas necesarias en materia de seguridade e saúde laboral, e garantías para o cobro íntegro da Paga de Produtividade, tal e como se viña percibindo até agora. O comité xa advertiu que, de non achegárense solucións, non descartan convocar folga indefinida.

Os paros, que afectarán a todo o cadro de persoal e a todas as quendas, desenvolveranse do seguinte xeito:

  • das 22:00 horas do xoves 18 de xullo ás 22:00 horas do venres 19 de xullo.
  • das 22:00 horas do martes 23 de xullo ás 22:00 horas do mércores 24 de xullo .
  • das 22:00 horas do xoves 25 de xullo ás 22:00 horas do venres 26 de xullo.

Máis de 12 accidentes neste 2014

A decisión de convocar folga, explicou en rolda de prensa o presidente do comité, Hadrián Canosa, foi aprobada pola asemblea de traballadores e traballadoras ante o incremento dos sinistros na planta de tratamento de residuos, pois neste 2024 "xa se rexistraron máis de 12 accidentes laborais". Canosa destacou catro casos pola súa gravidade: unha fisura nunha vértebra; un corte dun tendón nunha man; un corte na cara con sete puntos; e un corte na cabeza que requiriu de 16 puntos de sutura e supuxo a perda de coñecemento para a persoa accidentada.

Para a representación social este aumento da sinistralidade débese á continuada falta de mantemento, tanto preventivo como correctivo, por parte de Albada e "a unha planificación anual preventiva que traslada a maioría das actuacións á nova concesión, aínda que non se sabe cando vai ser nin a quen se lle vai adxudicar". Canosa denunciou que este desleixo de Albada vulnera a lei de prevención de riscos laborais e advertiu do grave deterioro que sofren as instalacións pola falta dos investimentos necesarios.

O presidente do comité destacou o complicado contexto da planta, coa actual concesionaria en prórroga forzosa dende hai catro anos e "un cadro de persoal pendente de que o Concello da Coruña saque canto antes os pregos da nova licitación para garantir o futuro das instalacións e os seus postos de traballo".

Unha situación que, alertou, "está afogando as economías das familias que traballamos na planta, xa que levamos cos salarios conxelados desde o ano 2012 e desde aquela o IPC incrementouse un 24,5% -segundo os dados do INE-, facéndonos un 24,5% máis pobres". Canosa lembrou que malia que o pasado ano o persoal conseguiu recuperar o convenio colectivo propio, os incrementos salariais que se recollen están ligados á nova concesión.

A paga de produtividade de 2025, en cuestión

Para máis abundar na perda da capacidade adquisitiva, no mes de maio a dirección da UTE Albada comunicou que, dende xaneiro, o Concello da Coruña xa non está adherido ao convenio marco subscrito entre a Xunta de Galiza e Ecoembes. "Non sabemos por que motivo o Concello non o asinou, pero isto compromete a nosa paga de produtividade para o ano 2025, porque o seu abonamento depende das toneladas de lixo recuperado e está vinculado, segundo se estabelece no noso convenio colectivo, ao propio convenio con Ecoembes".

Mais esta paga, engadiu Canosa, xa se vai minorar ao levar dende o mes de marzo sen recuperar nin un só quilo de plástico-film "que vai parar todo ao vertedoiro, porque a empresa non o quere recoller, precisamente debido á falta de adhesión ao convenio marco referido".

Responsabilidade do Concello da Coruña

Na comparecencia, o representante do persoal foi moi crítico co papel do Concello da Coruña, tanto pola demora na publicación dos pregos de condicións "polos que levamos agardando máis de catro anos e medio", como pola falta de dilixencia á hora de supervisar que a actual concesionaria cumpre con todas as obrigas legais en materia de prevención e seguridade, como polo non asinamento do convenio marco con Ecoembes, engadindo así un elemento máis de preocupación ao "vía crucis" que os 120 traballadores e traballadoras "levamos anos sufrindo".

Volver