O persoal do Concello de Cambre reivindica poder traballar en condicións dignas

Cambre -

Ao berro de “Por un traballo digno”, o persoal municipal do Concello de Cambre continuou este xoves co calendario de mobilizacións para exixir o reforzo inmediato do cadro de persoal e a cobertura das vacantes, que se respecten os seus dereitos laborais e salariais e por un servizos públicos decentes para a cidadanía. O deterioro das condicións de traballo e a falta insostíbel de efectivos en todos os departamentos vense arrastrando dende hai anos, sen solución por ningún dos diferentes e diversos gobernos que pasaron polo Concello neste tempo.

Porén, advirte a Xunta de Persoal, a situación segue empeorando tras romper o Concello de Cambre de maneira unilateral o diálogo e anunciar a alcaldesa que o Goberno pretende elaborar unha nova Relación de Postos de Traballo a través dunha comisión formada por persoal funcionario habilitado e A1 do concello, sen contar coa representación sindical. “Con isto volve a demostrar que non está disposta a escoitar aos representantes das persoas traballadoras, que lle estamos a propoñer hai tempo solucións a situación crítica que estamos a vivir sen ser escoitadas”, critican.

Cubrir as vacantes 

A representación do persoal confirma que a RPT desfasa (do ano 1999) é un dos principais problemas e unha das necesidades máis urxentes, “pero non é a solución aos problemas actuais. Insistimos en que o primeiro paso é reforzar o departamento de persoal, que actualmente se sostén nun auxiliar”.

Cubrir as vacantes ten que ser tamén unha prioridade, ao igual que dar resposta ás nosas peticións de mínimos”. Estas demandas pasan polo pago de todas as cantidades que se lle deben aos traballadores e traballadoras como abonar a nómina ordinaria antes da finalización do mes, o paro do complemento de produtividade en prazo, o pago da suba do 0,5% aprobada polo Executivo estatal e os respectivos atrasos, ou o pago das axudas económicas recollidas no acordo regulador que deben dos anos 2022,2023 e 2024.

Constitución das comisións obrigatorias

Xunto a isto, o órgano de representación demanda que se convoquen todas as comisións pendentes e que son obrigatorias, como a comisión paritaria, a de produtividade, o comité de seguridade e saúde e comisión do plan de pensións. Destas, matizan, “unicamente está constituída a paritaria cos novos membros”.

Sobre o plan de pensións, a Xunta de Persoal ten constancia que hai traballadores e traballadoras que están facendo achegas voluntarias, que son cartos que se descontan da súa nómina, pero que non se transferiron á entidade bancaria “coas consecuencias económicas negativas que isto supón. Ademais está pendente a modificación de dito plan para adaptalo á nova normativa e que se poida recuperar o diñeiro achegado. Levamos dende hai meses pedindo realizar este simple trámite”.

Complemento da carreira horizontal

Outra das demandas sociais é a aprobación da proposta de complemento de carreira horizontal elaborada pola Xunta de Persoal, con efectos a 1 xaneiro 2026. “O goberno ten sobre a mesa unha proposta pero é evidente que, a pesar de ser un dereito recoñecido pola lei, non está disposto a negociar a súa implantación. Non podemos entender porque esta negativa se é un tipo de carreira que xa se está a aplicar en case todas as administracións”, salientan.

Por todo isto, entenden que a RPT “sería unha peza máis en todo este tremendo desastre, pero agora mesmo as prioridades deberían ser outras” e fan un chamado ao goberno local a que “reconsidere a súa posición e inicie un diálogo con vontade construtiva” para poder superar o crítica situación do Concello e traballar con dignidade e ofrecendo os servizos “que a veciñanza ten dereito a recibir en condicións adecuadas”.

Volver