O persoal dos parques e xardíns decide suspender a folga até o 8 de agosto tras acadarse un acordo parcial

Vigo -

A asemblea dos traballadoras e traballadores do servizo de mantemento dos parques e xardíns de Vigo aprobou a primeira hora desta tarde suspender a folga indefinida até o vindeiro 8 de agosto. A decisión chega logo de alcanzarse un acordo parcial no ámbito económico coa empresa UTE Zonas Verdes e tras a solicitude da mediadora a este respecto.

A asemblea adoptou esta medida co obxectivo de facilitar as negociacións abertas na mediación e poder avanzar tamén naquelas cuestións como a contratación indefinida ou a regulación da xornada de tarde que na reunión deste luns non se puideron abordar por falta de tempo. No resto de materias xa existía entendemento previo entre comité e empresa.

En canto ao tema económico, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, indica que, por primeira vez, se conseguiu romper o bloqueo da empresa a introducir no texto do convenio unha cláusula de revisión salarial que permita garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal.

Sobre as contías, sinala que neste acordo parcial se estabelece unha suba para os anos 2024 e 2025 do 1,4% e do 1,6%, respectivamente, en todos os conceptos salariais, agás no plus de antigüidade. Se a 1 de xaneiro de 2026 o IPC fica por riba do 3%, a empresa aplicará un incremento adicional dun 1% que irá a táboas. Para os exercicios 2026 e 2027 a suba será do 3% para cada un dos anos cunha cláusula de revisión que operará a 1 de xaneiro de 2028. O plus de antigüidade revalorizarase un 3% en 2026 e outro 3% no ano 2027.

Garantir incrementos anuais e que se incorporara a cláusula de revisión salarial era un dos principais motivos que levaron os traballadores e traballadoras á convocatoria da folga indefinida iniciada o pasado 15 de xullo. Porén, aínda que hoxe se logrou desbloquear as negociacións e avanzar nun acordo parcial "isto non significa nin que o conflito remate nin que o convenio estea asinado", salienta Fernández.

Neste senso, matiza que fica pendente de resolver a contratación indefinida (a parte social reclama contratar seis persoas) así como a regulación da quenda de tarde. Cuestións que se seguirán negociando na reunión que a mediadora ten previsto convocar o próximo día 8. "A asemblea decidiu adiar a folga por responsabilidade e para facilitar o labor da mediación. Pero se o día 8 non hai avances, retomarase o paro e as mobilizacións até conseguir un convenio digno", asevera.

Volver