O persoal repartidor de Cambalache volverá á folga esta fin de semana ao non recibir resposta da dirección

A Coruña -

O persoal de reparto de Pizzerías Cambalache volverá á folga o venres 23 e o sábado 24 de xuño ante a falta de resposta por parte da dirección. Para dar máis visibilidade a súa loita, os traballadores e traballadoras concentraranse o día 23, ás 12:30h, diante do Cambalache da Praza de María Pita mentres que o sábado 24 a protesta será no restaurante do Paseo de Ronda, tamén á partir das 12:30h.

O presidente do comité, Iago Barros, subliña que o éxito dos paros realizados a semana pasada foi total en tres dos catro centros de traballo que contan con reparto: Paseo de Ronda, Bastiagueiro e O Burgo, optando a empresa por enviar ao pouco persoal que non secundou a folga ao local de Concepción Arenal "que traballou a mínimos".

Porén, a pesar do enorme impacto da folga e da resposta contundente do persoal, a empresa "decidiu non adiantar a convocatoria da reunión que xa estaba prevista, dando a calada por resposta e conducindo a unha inevitábel segunda semana de paros".

A empresa teima na reunión coa folga xa rematada

A CIG insistiu na irresponsabilidade de tensionar a situación mantendo a data da xuntanza para o 26 xuño, cando xa pasaron as catro xornadas de folga. Esta actitude, advirte Barros, contravén incluso a normativa en materia de folga que obriga a ambas partes a negociar desde o preaviso da folga, que a CIG xa deu o 26 de maio".

Será pois, un mes despois do preaviso, cando a dirección reciba o comité de folga "para, aparentemente, propor algo que nas 4 semanas e pico anteriores preferiu ocultar, ou cando menos, non ofrecer".

A este respecto, Barros avanza que os paros e as concentracións dos días 23 e 24, coincidindo coa popular festa do San Xoán, terán aínda un impacto maio que as anteriores "pois o apoio entre o persoal manténse inalterábel, en parte grazas aos esforzos por crear unha caixa de resistencia que está a amparar con contributos populares o pulso operario".

A sección sindical da CIG valora moi positivamente esta primeira toma de contacto histórica dos repartidores dunha empresa por mellorar as pésimas condicións laborais e mesmo as discriminacións dun colectivo esquecido e carente da máis mínima cultura sindical.

Volver