O sector de Eventos irá á folga o 15 de setembro por un convenio digno
Afecta a teatros, museos, acuarios, centros cívicos e o resto de eventos culturais
Nacional -
O sector de Eventos vén de confirmar a convocatoria dunha xornada de folga, que terá lugar o vindeiro día 15 de setembro, diante da intransixencia da patronal na negociación do convenio colectivo. O paro afectará a teatros, museos, acuarios, centros cívicos e o resto de eventos culturais. Nesa mesma data anuncian a convocatoria dunha concentración, ás 12:00 horas, na Cidade da Cultura, coincidindo coa xuntanza dos Ministros europeos de Economía e América Latina.
Denuncian que AGEM, Escena Galega e AGATEC “queren impor un modelo de industria precaria a custo da dispoñibilidade e a flexibilidade das traballadoras e traballadores”, so pretexto das “particularidades do sector, provocando un retroceso nos dereitos recoñecidos internacionalmente a calquera persoa traballadora de calquera sector.
Demandan limitar a xornada a 12 horas en situacións excepcionais
As demandas da parte social son “sinxelas, lóxicas e lexitima: limitación da xornada a 12 horas máximo en situacións excepcionais e descanso mínimo de 12 horas entre xornadas”.
Os sindicatos apuntan que non está o conflito nunha suba salarial, non está o conflito en acadar privilexios para as e os profesionais: o conflito está en que “non acepta a patronal equiparar aos profesionais do noso sector as persoas traballadoras de calquera industria, cunhas xornadas e descansos equiparables”.
Entenden que non é tan difícil entender que 12 horas de xornada non pode ser a xornada habitual e que entre xornadas hai que descansar 12 horas. “Se ten que haber excepcións, deben estar claramente definidas e sen posibilidade de ser usada a excepción coma norma habitual”, aclaran.
Porén, a patronal do sector “pretende escapar da obriga empresarial de organizar e planificar o traballo, tendo ás persoas traballadoras a disposición facendo xornadas que exceden a norma legal e pretendendo levar os descansos entre xornadas a extremos ridículos. Até 7 horas de descanso entre xornadas chegaron a propoñer en algunha ocasión”, denuncian.
Problemas financeiros
Xunto a isto claman contra a pretensión da patronal de que recaia no lombo das e dos profesionais solucionar os problemas financeiros “que conlevan os contratos de prestacións de servizos firmados por eles”. Contratos que, matizan, “lles obrigan en ocasións a perder cartos, pero que foron libremente aceptados por quen debe asumir a solución”.
Por iso consideran que non é de recibo trasladar esa responsabilidade ao seu maior activo, “as persoas traballadoras que fan vibrar e lucir os seus equipamentos” e inciden en que ao igual que sobe o custo dos equipamentos “teñen que subir os salarios para que as persoas traballadoras podan vivir dignamente”.
Os sindicatos rexeitan tamén a pretensión da patronal de artellar un novo convenio colectivo unha vez máis aberto á interpretación, cheo de excepcións, de artigos que prevén situacións arbitrarias, de supostos imprevistos e indefinidos que, advirten, “abren as portas ao aumento da duración da xornada ou a redución dos tempos de descanso, e reducindo á mínima expresión a conciliación da vida persoal e laboral”.
Canda isto denuncian que a patronal non quere atender á súa obriga como empresas da necesidade de planificar o traballo, deixando aos profesionais do sector á mercé de "situacións imprevisibles" que xustificarían xornadas habituais de traballo de 12 horas e descansos entre xornadas de ata 7 horas.
Conclúen que “é intolerable a proposta da patronal” e fan un chamado á cidadanía para apoiar estas xustas reivindicacións de poder descansar 12 horas, ter una xornada laboral conforme o Estatuto dos traballadores e un salario digno que manteña o poder adquisitivo das persoas traballadoras.