O Sergas externaliza a codificación de historias clínicas na área sanitaria de Vigo

A CIG-Saúde leva tempo reclamando a dotación do persoal suficiente para asumir esta función e que se garanta a confidencialidade dos datos

Vigo -

A CIG-Saúde denuncia a externalización da codificación de procesos clínicos na área sanitaria de Vigo mediante a contratación de parte da codificación das historias clínicas a unha empresa externa. A central sindical leva tempo reclamando a dotación suficiente de Técnicos/as Superiores de Documentación e Administración Sanitaria que asuman todo o volume de traballo que se xera e que se garanta a confidencialidade dos datos.

Dende a CIG-Saúde explican que a codificación é unha ferramenta que se utiliza para facer comparábeis e homologábeis os datos sobre saúde a nivel estatal e internacional, facilitando a comunicación entre profesionais e permitindo o seguimento dos procesos de saúde, así como a elaboración de estatísticas que permitan comparar, avaliar, investigar e mellorar a sanidade. 

Malia existir unha lista de contratación con persoal dispoñíbel, o Sergas opta por externalizar a codificación atrasada

A central leva anos reclamando unha dotación suficiente de Técnicos/as Superiores de Documentación e Administración Sanitaria que asuman todo o volume de traballo que se xera, “xa que todos os anos acumúlanse varios meses de traballo”. Mais malia existir unha lista de contratación desta categoría con persoal dispoñíbel na actualidade, o Sergas opta por externalizar a codificación atrasada en vez de contratar persoal propio para este traballo.

“Descoñecemos dende onde se está a acceder a estas historias clínicas, e temos a preocupación de se o acceso se está a facer de forma remota dende equipos de fóra da rede do Sergas, e que non estea garantida a confidencialidade e integridade da información dos datos que se manexan, que son de especial protección".

Por iso a CIG insiste na necesidade de reforzar o número de Técnicos/as de Documentación Sanitaria para garantir a calidade e a seguridade na codificación das historias clínicas.

Volver