O xulgado condena o Concello de Sada por vulneración da liberdade sindical

A Administración municipal demorou máis dun ano na entrega de información solicitada por un delegado do persoal

Sada -

O Xulgado do Social nº 1 da Coruña determinou que o Concello de Sada vulnerou a liberdade sindical dun delegado da CIG e membro do comité de empresa ao denegarlle de maneira reiterada a información sobre a Relación de Postos de Traballo que solicitaba. A sentenza, ademais, condena a Administración Local a abonarlle unha indemnización de 2.000 euros polos danos morais causados.

En xaneiro do ano 2023, o representante do persoal laboral solicitou por rexistro o manual de funcionamento da RPT en vigor, xa que o Goberno municipal estaba dispoñendo arbitrariamente de determinado persoal de Obras e Servizos e modificándolles as funcións asignadas.

Porén, o Concello ignorou a petición, a pesar de que a lexislación recolle a obriga da empresa de facilitarlle á representación legal do persoal información sobre aquelas cuestións que afectan ás traballadoras e traballadores. Neste contexto, o delegado da CIG reiterou até en catro ocasións a mesma solicitude sen obter resposta algunha. De feito, o Concello de Sada non lle trasladou a documentación até un ano máis tarde (decembro de 2024) e tras a central sindical presentar denuncia por vulneración de dereitos fundamentais.

Agora, o xulgado ratifica que se produciu unha vulneración da liberdade sindical deste representante do persoal xa que o Concello non tiña ningunha xustificación obxectiva e razoábel para non darlle a documentación. Na propia resolución apúntase que a demora na entrega dun ano demostra unha actitude obstaculizadora da actividade sindical propia do delegado.

A CIG agarda que o Goberno municipal tome nota desta sentenza, respecte os dereitos das súas traballadoras e traballadores e atenda as peticións da representación do persoal sen ter que chegar ao extremo de xudicializar as relacións laborais.

Volver