Persoal do naval de Ferrol, persoal civil de Defensa e traballadoras de coidados suman reivindicacións

Aproveitaron o acto de botadura da primeira fragata da serie F-110 para visibilizar as súas demandas

Ferrol -

Persoal do naval de Ferrol e persoal civil do Ministerio de Defensa mobilizáronse esta tarde diante da porta principal de Navantia, con motivo do acto de botadura da primeira fragata da serie F-110. As traballadoras de SAF e de residencias privadas, que hoxe están secundado a segunda xornada de folga das catro convocadas para este mes de decembro, tamén se sumaron á mobilización reclamando convenios dignos.

Melloras salariais para o persoal civil do Ministerio de Defensa, demandas a prol de investimentos para os estaleiros, reivindicacións de melloras laborais para as auxiliares ou máis carga de traballo, defensa do dereito de sobería do pobo galego, ou contra o xenocidio do pobo palestino foron algunhas das consignas que se escoitaron esta tarde nas portas de Navantia, aproveitando un acto no que participaron o presidente do Goberno español, a Ministra de Traballo, a de Defensa e o presidente da Xunta de Galiza.

Investimentos, emprego e condicións dignas

A botadura deste buque,  salientou a sección sindical da CIG en Navantia, constitúe un fito construtivo que “supuxo un gran esforzo por parte das traballadoras e traballadores da principal e da industria auxiliar”. Por iso, reclamaron “correspondencia con este esforzo” á empresa pública e ás súas contratas “tanto na mellora das relacións e condicións laborais como nas actuacións necesarias para garantir o futuro do estaleiro de Ferrol”.

Neste senso, unha das reivindicacións pasa polo compromiso de que todas as empresas que entren a traballar no estaleiro teñan como ámbito de aplicación o convenio de siderometal da Coruña, garantindo así condicións xustas para o persoal das auxiliares e evitando a competencia desleal a conta de precarizar o persoal traballador.

O secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, destacou que a pesar dos acordos asinados "a día de hoxe, seguen entrando moitas empresas que vulneran os dereitos laborais, tanto prolongando as xornadas de maneira irregular como non respectando as condicións de traballo".

Recalcou que, dende hai anos, o convenio de siderometal da provincia recolle unha serie de pluses que son de aplicación para todo o persoal das auxiliares que desenvolve o traballo dentro dos estaleiros, "pero hai empresas que non están pagando ou están pagando mal. Por iso exiximos tanto da industria auxiliar como de Navantia, na súa condición de responsábel dos contratos, que cumpran e que se respecten os dereitos do persoal".

No caso da empresa principal, a representación da CIG en Navantia denuncia que, alén de todas as cuestións pendentes do convenio colectivo, non existe un compromiso real cos investimentos básicos para a modernización do estaleiro “que nos permitan seguir sendo referencia mundial en construción de buques militar e líderes en reparación de gaseiros e grandes transformacións”.

Estas inversións, apuntan, pasan ineludibelmente por aprobar as obras do dique de nova construción e do dique de reparacións, apostar por proxectos que potencien a Fábrica de Turbinas e Reparacións e mellorar o gasto en I+D+I, xunto cun plan de emprego ambicioso, a redución os niveis de subcontratación e atraer nova carga de traballo para garantir os niveis de emprego tanto na principal como nas auxiliares.

Sobre as novas incorporacións, a sección sindical da CIG reivindica que os estaleiros da ría de Ferrol conten coa parte proporcional deses 1.500 postos de traballo anunciados no seu día polo presidente do Goberno español “para non perdermos capacidade industrial”, xa que faltan por convocar unhas 500 prazas e incorporar persoal relevista de aplicarse a xubilación parcial. O próximo ano deberá comezar a funcionar a Fábrica Dixital de Bloques, que precisará dunhas 340 persoas por quenda e “na CIG aspiramos a que sexan parte do cadro de persoal da principal”.

Discriminación salarial do persoal civil de Defensa

Pola súa banda, a CIG-Administración continuou co calendario de mobilizacións en demanda de melloras salariais para o persoal civil do Ministerio de Defensa e para reclamarlle á ministra que, dunha vez, convoque a Mesa Xeral de Negociación e presente unha proposta de mellora retributiva digna. A representación da CIG lembra que Margarita Robles asegurou hai xa tres meses que o seu departamento estaba a traballar dende o mes de maio nunha oferta, pero a día de hoxe non hai nada enriba da mesa.

Por iso, tamén quixeron aproveitar a presenza de altos representantes do Ministerio no acto de botadura para solicitar unha reunión e que se informe dos posíbeis avances, “se os hai, en materia salarial para o persoal civil de Defensa nos seus tres réximes xurídicos (estatutario, funcionario e laboral)”.

Este colectivo leva meses mobilizándose en resposta á discriminación que está a sufrir “xa que mentres se están a destinar partidas millonarias para aumentar os salarios do persoal militar e adquirir equipamentos militares coas tecnoloxías máis avanzadas, o persoal civil público non ve nin un só céntimo dun aumento orzamentario sen precedentes para Defensa, relegándonos ao nivel salarial máis baixo de todos os Ministerios da Administración Xeral do Estado”.

Volver