Persoal da Escola de Música concéntrase para reclamar a xestión directa do Concello da Coruña
Demandan orzamentos suficientes para garantir a calidade educativa e que se respecte o convenio colectivo
A Coruña -
O persoal docente e de administración da Escola Municipal de Música da Coruña concentrouse na tarde do martes diante do centro educativo para reclamar a xestión directa por parte do Concello, que se lle asigne o orzamento necesario para ofertar unha ensinanza pública e de calidade e para demandar tamén que se cumpra co estabelecido no convenio colectivo.
Esta protesta supón o inicio dun calendario de mobilizacións que se repetirán ao longo das próximas semanas e que se desenvolverán diante do Consorcio para a Promoción da Música (ente ao que está adscrito a escola) e diante do Concello da Coruña. Con estas mobilizacións, o persoal denuncia o deterioro que padece dende hai uns anos a Escola pola falta de partidas propias e autonomía de funcionamento.
Ao contrario, denuncian que nos pasados orzamentos se chegou a un pacto PSOE-BNG para destinar 250.000 euros á EMM durante 2024 pero deses cartos, a día de hoxe, non chegou nada. Por iso, reclaman que o Concello recupere a xestión directa do centro, ao igual que fixo coa Banda de Música, e que se consignen as partidas necesarias para garantir o proxecto educativo de calidade "que a cidadanía da Coruña merece".
Lembran que o contrato-convenio co Consorcio da Música se atopa neste momento coa prórroga rematada, polo que urxen aclarar cal vai ser o futuro da escola. Nesta liña, poñen o acento no deterioro das instalacións, na falta de mantemento e renovación dos materiais e instrumentos, ou nas deficiencias do edificio pola falta de partidas económicas.
A isto engádese que hai alumnado que se queda sen praza ao non haber orzamento para ampliar o horario lectivo do profesorado xa contratado (que na maioría dos casos está a xornada parcial), así como a falta de oferta doutros instrumentos por non permitir a contratación de novo profesorado, quedando a escola moi limitada.
Por outra banda, o persoal tamén demanda que se cumpra co convenio colectivo no referente ao pago dos atrasos polo cambio de categoría do profesorado, o pagamento do complemento social e a reformulación en positivo dos trienios.