Persoal de Urbaser de Ames irá á folga indefinida o 8 de maio en demanda da recuperación salarial
Concentráronse hoxe diante do concello para reclamar melloras no convenio
Ames -
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza viaria e punto limpo de Ames, concesionado a URBASER, concentráronse a primeira hora desta tarde diante da casa do concello para demandar da empresa unha nova xuntanza na que se lles presente outra proposta económica que permita ao persoal enfrontar a galopante inflación, que afecta, sobre todo, aos produtos de primeira necesidade.
No decurso da mobilización, na que contaron co apoio de membros do comité de URBASER de Santiago, demandaron a viva voz, entre outras consignas, que “se sobe o IPC, os salarios tamén” e que, por iso “estamos en loita por un convenio digno”.
Segundo explicou ao remate da concentración o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, o vindeiro luns día 8 de maio dará comezo a folga indefinida “a non ser que a empresa nos dea unha sorpresa e faga unha proposta que sexa substancial e que cumpra as expectativas do persoal”.
Alonso apuntou que a oferta que fixo a empresa nas últimas xuntanzas foi “ridícula” porque ofertou 200 euros para o ano 2022, a recibir nunha única paga, e de 300 euros para 2023, en ningún dos casos “consolidable” no salario. Isto suporía un incremento salarial que apenas chegaría ao 1% e que non iría sequera acompañado doutras melloras nas condicións laborais.
URBASER ofertaba ademais un convenio a catro anos que rebaixou, na última reunión, a tres anos. Unha rebaixa insuficiente para o persoal que segue considerando excesiva esta duración, á vista da actual situación de incertidume, cunha inflación “polas nubes” e sen que se inclúa unha cláusula de revisión salarial para actualizar de forma automática os salarios en función da suba do IPC.
Neste sentido, Alonso lembrou que a suba do IPC en 2021, foi dun 6,5% e no ano 2022 foi dun 5,7%, mais que os prezos dos alimentos, dos carburantes, da electricidade, dos alugueiros e das hipotecas, que son precisamente os que máis afectan á clase traballadora, están disparados. “Por iso exixir unha suba do salario parécenos de xustiza”, dixo.
O representante da CIG incide en que de aceptar a proposta da empresa “a perda de poder adquisitivo do persoal sería enorme” porque neste centro de traballo, no que teñen convenio propio, non se puido negociar un novo convenio en 2022. Explica que a negociación coincidia coa saída a concurso da concesión do servizo e que, por iso, houbo que agardar a que se adxudicara a nova contrata a unha nova empresa.
Alonso lamenta que “polos antecedentes que ten URBASER noutros concellos da comarca, ou se chega a un acordo agora, ou senón isto vai ser un conflito longo e duro”. Porén, advirte de que o 100% do persoal participou na decisión de ir á folga se as condicións económicas non mudaban e ten pensado secundala.