Rexístranse as peticións de entrevista con Rueda e Sánchez Izquierdo en demanda de accións en defensa do dereito humanitario en Palestina
A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina lembra que as galegas e galegos volverán saír ás rúas de múltiples localidades o vindeiro luns día 4 de novembro
Nacional -
Tal e como anunciara a pasada semana, en rolda de prensa, a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina presentou este luns, no rexistro da Xunta, os escritos dirixidos ao Presidente da Xunta e o Director Xeral da CRTVG para solicitar unha entrevista polo “silencio e inacción” do goberno galego ante a gravísima situación en Palestina e o ocultamento da solidariedade nos medios públicos, TVG e Radio Galega.
En ambos escritos lembran a multitudinaria manifestación nacional que tivo lugar o pasado 6 de outubro en Compostela. Unha manifestación en solidariedade co pobo palestino na que se reclamaron dos poderes públicos galegos, estatais e internacionais medidas urxentes para pór fin de inmediato ao xenocidio que perpetra Israel contra a poboación civil da Palestina.
E lembran tamén que esta mobilización insírese na ampla campaña de mobilización e actividades públicas que desde hai un ano leva a cabo un amplo sector da sociedade galega. Sinalan así as máis de 900 concentracións en ducias de localidades galegas, tres manifestacións de ámbito nacional, recepción da campaña humanitaria da Flotilla da Liberdade, con numerosas visitas institucionais, incluídas representantes da Mesa do Parlamento de Galicia e que denuncia que foi “ocultada” na axenda oficial do Parlamento e que “mesmo se tentou negar a oficialidade da recepción”.
Inacción da Xunta
Nese sentido, lamentan que desde o inicio do xenocidio do pobo palestino en Gaza e na Cisxordana hai un ano, e mesmo tras o recoñecemento dos tribunais internacionais dos crimes de guerra perpetrados polo estado de Israel e das resolucións sobre a ilegalidade dos asentamentos e o colonialismo na Palestina, “o goberno galego non emitira nin unha mínima declaración sobre o dereito humanitario”.
Así o trasladan por escrito ao Presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, ao que queren solicitar que emita “unha declaración institucional baseada no dereito internacional ou no dereito internacional humanitario” e que mude a súa acción do seu goberno, revisando os acordos comerciais privilexiados con Israel.
Solidariedade desapercibida nos medios públicos
Lamentan, porén, que “esta potente e prolongada mobilización social parece ter pasado desapercibida á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), un ente, lembremos, que é financiado con fondos públicos, o que significa que ha de estar ao servizo da sociedade que a patrocina, de toda a sociedade e non dunha parte”.
Un silenciamento ao que queren poñer fin coa solicitude de entrevista ao propio Director Xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.