Seguimento total no inicio da folga indefinida en Urbaser Burela en demanda dun convenio digno
Burela -
Os traballadores e as traballadoras de Urbaser Burela arrincaron este martes a folga indefinida en demanda dun convenio colectivo digno. O seguimento nesta primeira xornada está sendo practicamente total malia os abusivos servizos mínimos impostos polo Concello, que superan o 50% da actividade nos primeiros días e que chegaría ao 100% na próxima semana, coincidindo coas festas patronais.
Para o secretario comarcal da CIG-Servizos, Xoán Díaz, estes son uns "servizos máximos" e xa adiantou que se vai recorrer o decreto por abusivo e vulnerador do dereito efectivo á folga.
Reunión coa empresa este mércores
Sobre os contactos coa empresa, criticou a escasa vontade de Urbaser para solucionar o conflito, xa que non só se negou a trasladar antes do inicio da folga a nova proposta que anunciara que tiña, senón que onte mesmo, mediante chamada telefónica, ameazou con recortar dita oferta e incluso non acudir á reunión prevista para este mércores 24 se o persoal non desconvocaba a folga. Finalmente, a última hora da tarde, a empresa confirmou que asistirá á xuntanza.
Díaz cualifica esta actitude de "chantaxe" e reitera que o persoal está en disposición de loitar até conseguir un convenio colectivo digno; máis tendo en conta o custe disparado da vida e que estes traballadores e traballadoras teñen os seus salarios practicamente conxelados dende o ano 2011, cando rematou o convenio que até entón regulaba as condicións do persoal da recollida de lixo, limpeza viaria, punto limpo e limpeza de praias.
De cara á segunda xornada de folga, o persoal volverase concentrar mañá diante do Casa do Concello de 11 a 11:30h. Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Servizos lamenta a falta de implicación activa do Goberno municipal e critica que os únicos movementos que fixera nestas días foran decretar un servizos mínimos abusivos e tentar minimizar o impacto da folga chamando á cidadanía a que non baixe o lixo á rúa ou pedir que se reforcen os contedores.