Solidariedade coa loita palestina

Nithya Nagarajan -

Coa súa resistencia, o pobo palestino loita por todos nós. Os palestinos están en primeira liña desta guerra que libra Occidente para salvar o declive da hexemonía unipolar dos EUA, fronte ao ascenso dos BRICS, os reposicionamentos no Sur Global,ou os procesos decoloniais no Sahel

 Obrigada por este convite, pola oportunidade de compartir algunhas reflexións acerca da solidariedade coa loita de liberación palestina. Gustaríame especialmente compartir os agradecementos de compañeiros/as desde Palestina cuxas voces son silenciadas no noso mundo.

 Fronte á deshumanización dos palestinos, total e absoluta, a primeira mensaxe de solidariedade que quero compartir é centrarnos na súa resistencia. A resistencia dun pobo, que, desde hai máis de 100 anos, mantén unha loita contra as potencias occidentais que con impunidade negan o seu dereito á autodeterminación como nación, negan o seu dereito a vivir na súa patria, a súa terra, e negan o seu dereito a existir. Moitas veces, cando pensamos na solidariedade, con toda a mellor intención, facémonos a pregunta: «Como podemos axudar desde Europa os palestinos?». Si, abofé, é unha pregunta importante para a situación que estamos a vivir. Pero penso que temos que inverter a pregunta, e preguntarnos. «Como nos axudan a nós os palestinos?», «Como os palestinos que loitan pola súa liberdade loitan tamén pola nosa liberdade en Europa?». «Que temos que aprender dos palestinos sobre a resistencia, sobre o que significa ser humano, que significa loitar pola nosa dignidade e a nosa humanidade baixo un sistema que nos oprime a todos?». 

 É importante facernos estas preguntas, porque o máis perigoso para a clase dominante é a difusión da conciencia colectiva, unha conciencia que loite contra o actual sistema capitalista, racial e o imperialismo. Por iso vemos como se criminaliza o pobo palestino e a quen se solidariza na súa loita pola liberdade. As dimensións ideolóxicas da loita son centrais. Despois da caída da Unión Soviética, Francis Fukayama declarou «a fin da historia» e que non hai outro camiño que o capitalismo neoliberal, un fatalismo que só quere dicirnos que non podemos cambiar o mundo e que o mellor que podemos facer é loitarmos polos nosos intereses individuais. Pero o pobo palestino, así como antes o alxerino, o cubano ou o vietnamita, rexeitan este destino ordenado polas potencias dominantes e loitan colectivamente para poder escribir a súa propia historia e o seu futuro. Foi en Gaza onde persoalmente empecei a comprender a forza de resistencia que os palestinos levan e expresan de maneira moi íntima, que vemos mesmo no medio dun xenocidio. 

 Os palestinos rexeitan a hipocrisía desta orde mundial que é cómplice do seu xenocidio e limpeza étnica; non só agora, senón desde 1947 coa decisión da ONU para a partición de Palestina, unha decisión que lexitimou substituír a poboación indíxena e estabelecer unha base en Oriente Medio para promover os intereses occidentais e crear un sistema de apartheid. En 1972 nun discurso na ONU, Amílcar Cabral, líder do movemento panafricano contra a ocupación portuguesa, dixo “fronte á hipocrisía das institucións desta orde mundial racial, os loitadores de Cabo Verde e Guiné-Bissau están en primeira liña para defender os principios da Carta da ONU para a autodeterminación e soberanía das nacións”.

 Cabral non estaba a pedir a nosa axuda humanitaria para as «pobres vítimas» do colonialismo; estaba a dicir que os pobos colonizados, a través da súa resistencia colectiva, sacrificio e morte na súa xusta loita pola liberación están a defender os ideais da humanidade contra as forzas de imperialismo.

 Coa súa resistencia, o pobo palestino loita por todos nós. Os palestinos están en primeira liña desta guerra que libra Occidente para salvar o declive da hexemonía unipolar dos EUA, fronte ao ascenso dos BRICS, os reposicionamentos no Sur Global,ou os procesos decoloniais no Sahel. Loitan contra o proxecto do Novo Oriente Medio, no que o Estado israelí e a normalización das relacións cos réximes árabes reaccionarios desempeñan un papel fundamental para manter a dominación occidental. Unha orde baseada na guerra, o neoliberalismo e o fascismo; unha orde na que a violencia colonial e as tecnoloxías de guerra se exportan a Europa para oprimir a disidencia.

 Estamos a entrar nunha fase escura da historia, e en Palestina especialmente. Enfróntanse a unha guerra de exterminio. Se non se detén o Estado de Israel, a poboación de Cisxordania correrá o mesmo destino que os habitantes de Gaza. O goberno israelí xa anunciou a anexión de Cisxordania o próximo ano. O sionismo pretende nada menos que a eliminación da causa nacional palestina: a cancelación da UNRWA, o rexeitamento á creación do Estado Palestino ou a limpeza étnica do norte de Gaza para continuar coa política de asentamentos, ou novas leis para expulsar do país as familias daqueles palestinos involucrados en actos de resistencia son exemplos evidentes.

 Pero malia todo o seu poder militar, estas forzas xa perderon a batalla. Porque no espertar global que vemos entre o movemento estudantil e o sindicalismo transformador o mito da «misión civilizadora» occidental e a súa suposta democracia quedou ao descuberto.

 O noso traballo non é suplicar dereitos senón conquistalos, organizar e construír o poder da clase traballadora. O noso traballo é unir as forzas dos traballadores e das nacións sen Estado de Europa e do mundo colonizado no Sur para enfrontar o fascismo global, o racismo e o militarismo, cada vez máis triunfantes. A solidariedade entre os pobos é necesaria para construír o mundo xusto que queremos.

 En 1936, Najati Sidqi, un dirixente do Partido Comunista Palestino veu loitar na Guerra Civil española, e dixo: «Comprendín que o destino da humanidade depende desta guerra, e por iso vin [loitar] por Xerusalén en Córdoba, vin defender a liberdade árabe en Madrid». Na nosa conxuntura actual, e o que está en xogo na loita de liberación palestina, podemos invertelo e dicir: «Loitamos por Catalunya, por Galiza, por Euskal Herria en Gaza, en Xerusalén, en Beirut». Loitaremos a carón do pobo palestino ante o seu exterminio?» 

 Obrigada! Palestina vencerá!

_____________________________________________________________________________

Intervención no III Encontro de Representantes da Intersindical Catalunya (Barcelona, 16 de novembro de 2024)

_____________________________________________________________________________

Nithya Nagarajan é activista palestina.

_____________________________________________________________________________

 

[Catalunya, 16 de novembro de 2024]

Volver