Traballadoras dos SAF protestan nos plenos para reclamar a actualización de salarios en base ao IPC
Insisten tamén na necesidade de negociar un novo convenio, unha vez que o preacordo asinado por CCOO e UGT retirouse grazas á folga
Vigo -
Traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) desenvolveron protestas nos plenos municipais de Ponteareas e Vigo no marco da campaña nacional posta en marcha pola CIG-Servizos para reclamar a actualización dos salarios en base ao IPC. O persoal, que mañá se mobilizará tamén no Concello de Moaña, insiste en reclamar a negociación dun novo convenio colectivo, unha vez que se conseguira retirar coa folga o asinado por CCOO e UGT.
As protestas tiveron lugar onte pola tarde no Concello de Ponteareas e hoxe pola mañá no de Vigo, nas que as afectadas amosaron cartaces e berraron consignas demandando unha suba de soldos acorde ao IPC a negociación dun novo convenio, mentres que mañá trasladaranse ao de Moaña para participar no pleno previsto para as 20:00 horas.
Esta campaña de mobilizacións foi acordada en asemblea a nivel nacional e logo ratificada e cada unhas das comarcas. O obxectivo é que os salarios se actualicen conforme ao IPC do ano pasado (5,7%), tal e como establece o convenio colectivo en caso de que non se acordase unha suba de soldos. “Seguimos sen renovar o convenio, e as empresas non están a aplicar o IPC”, denuncia a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández.
De feito, outra das demandas do persoal é a negociación dun novo convenio, unha vez que o preacordo asinado por CCOO e UGT coa patronal fora retirado tras a presión exercida polas traballadoras mediante unha folga “histórica” que foi acompañada de numerosas mobilizacións nas que as empregadas dos SAF de todo o país demostraron a súa capacidade de loita.
Neste senso, a CIG-Servizos xa se puxo en contacto co Consello Galego de Relacións Laborais e coa propia directora xeral de Emprego para trasladarlles a necesidade de iniciar as conversas para renovar o convenio colectivo e dignificar as condicións laborais das traballadoras do sector.
Novas relacionadas