Tras o final da guerra en Ucraína, confrontación Europa-Rusia?

Mikel Zubimendi -

Rusia está claramente a gañar a guerra. Pode Europa aceptar a derrota? A cuestión para Ucraína xa non é como gañar, senón como evitar o colapso mentres as condicións se deterioran. Os Estados Unidos piden negociar, Moscova negocia desde a forza e Kiev desde a necesidade, e Europa fai sabotaxe

 Pouca broma. Hai tres días o presidente do Comité Militar da OTAN, Giuseppe Cavo Dragone, afirmaba que a OTAN estuda un «ataque preventivo» contra Rusia. Un día despois, Vladimir Putin respondíalle «non queremos guerra con Europa, pero se empezan estamos listos e non quedará ninguén con quen negociar a paz». Horas despois recibía a delegación negociadora dos EUA no Kremlin para tratar sobre un hipotético Acordo de Paz de 28 puntos elaborado polos EUA e filtrado á prensa internacional, que foi emendado por europeos e ucraínos.

 Onde estamos? A piques de terminar a guerra ou ás portas dunha confrontación aínda maior? Hai marxe para un acordo ou a solución dilucidarase no campo de batalla? E é un segredo a voces que no campo de batalla Rusia está a gañar e vai gañar. Porque unha guerra de desgaste non termina cunha declaración, senón cando unha das partes non pode seguir librándoa.

 Cando a guerra comezou, a narrativa expandiuse como a pólvora, cun argumento simple, emocionalmente satisfactorio, politicamente conveniente: Vladimir Putin era un imperialista expansionista que buscaba controlar Ucraína para reconstituír un novo imperio ruso, unha especie de URSS 2.0. Pero, se cadra, antes de xulgar o que fixo, cómpre preguntarse por que o fixo. E iso significa, quizais, facer algo que moitos analistas se negan a facer: que o que parece unha agresión sexa unha reacción.

 Ás potencias non lles gusta que outras superpotencias traian armas á súa porta. E algo diso pasou en Ucraína, sistema de mísiles defensivos que podían usarse ofensivamente e permitirían un ataque de decapitación contra Moscova. De permitilo, a profundidade estratéxica rusa colapsaría, o tempo de reacción diminuiría, a súa disuasión debilitaríase.

 Esa é a razón pola que, segundo John Mearsheimer, profesor de Ciencia Política na Universidade de Chicago e destacado referente da escola do neorrealismo nas relacións internacionais, cuxos comentarios inspiraron en parte esta análise, Rusia lanzou o que algúns chaman unha «guerra preventiva». Unha guerra non baseada na expansión, senón na prevención dun futuro que os rusos consideran fatal para os seus intereses. Pódese estar en desacordo coa lóxica de Moscova, pódese perfectamente condenala a nivel ético, pero estratexicamente segue o mesmo patrón que as superpotencias utilizaron durante séculos.

Realidades materiais

 As guerras están determinadas por forzas que ninguén pode reverter. A pregunta non é quen vai gañar, senón quen segue tendo a capacidade de elixir. Cando a elección desaparece, a estratexia convértese en aceptación. Os Estados raramente recoñecen cando empezan a perder, agárranse ás narrativas, reafirman os seus valores, insisten en que nada mudou até que as condicións materiais fan imposíbel a negación.

 Todo isto é perfectamente aplicábel a Ucraína. O discurso público aínda fala de «democracia», dunha «orde baseada en regras», conceptos que poden soster un apoio político, pero non determinar o resultado no campo de batalla. Aí os factores son máis simples: número de tropas, munición, base industrial, capacidade de transporte, disciplina loxística, etc. Non son categorías morais, senón realidades estruturais, e acumulativas.

 Hai tres elementos que dan forma a este declive: En primeiro lugar, a xeografía. Rusia posúe unha retagarda profunda, corredores loxísticos máis seguros; Ucraína loita en terreo aberto, fronte a un inimigo máis numeroso. En guerras longas, iso importa.

 En segundo lugar, a demografía. Rusia, simplemente, ten máis xente. Parece reducionista, pero é fundamental en todo conflito prolongado. As reservas de efectivos militares determinan a rotación, o adestramento e a resistencia.

 E en terceiro lugar, a industria. As guerras requiren produción, e esta require capital, maquinaria, enerxía, previsibilidade. Rusia converteu con éxito a súa economía nunha economía de guerra. Eses procesos non adoitan ser eficientes ao principio, pero unha vez que se estabilizan producen volume e escala. Ucraína non ten infraestrutura comparábel, é totalmente dependente dunha axuda exterior que depende de ciclos políticos e electorais que non controla.

 Os líderes occidentais entenden isto en privado, abofé. Xa non se centran nunha vitoria sobre Rusia, senón en soster a Ucraína custar o que custar. Isto indica unha reavaliación profunda. Os Estados non cambian o seu vocabulario sen razón. E en política internacional a linguaxe adoita ser unha reacción retardada ante a realidade material.

Lóxica da negociación

 As guerras non terminan cando os presidentes din que deben terminar, senón cando as realidades materiais eliminan todas as demais opcións. Ese momento está a chegar a Ucraína, as evidencias son obvias, non son ideolóxicas, non responden a discursos. E cando as guerras forzan os Estados a elixir entre os principios e a supervivencia, a historia mostra que a supervivencia sae vitoriosa.

 O impulso no campo de batalla cambiou, as forzas rusas avanzan lenta pero sistematicamente, a presión estratéxica aumenta a través do desgaste. E as guerras de desgaste favorecen a quen pode soster no tempo a produción, a rotación, o transporte… Ucraína non ten esas vantaxes. Por outra banda, a fatiga política está a aumentar. Os líderes occidentais cada vez atopan máis resistencia, os custos dan forma á opinión pública e o apoio cae cando os custos soben indefinidamente.

 Finalmente, emerxeu a lóxica das negociacións, non pola confianza entre as partes, senón porque as opcións decreceron. Os líderes din que é «un acto de responsabilidade para unha paz digna», pero a linguaxe adoita cambiar cando o fan as condicións materiais. Os Gobernos dinnos que a vitoria só depende da determinación, pero as súas propias accións póñeno en dúbida. Cando a realidade material se impón, adaptan a súa narrativa.

 Os avances de Rusia non son decisivos, pero si acumulativos. Na guerra de desgaste acumular é máis importante que un avance dramático. A visión de Rusia é de longo percorrido: manter a presión, absorber os custos e expandir as subministracións. Non busca espectaculares rupturas da fronte, busca o esgotamento. Para iso, necesítase profundidade, da que si dispón.

Consecuencias

 Ucraína quedou practicamente destruída. Xa perdeu unha parte substancial do seu territorio e é probábel que perda máis antes de que cesen os combates. A súa economía está esnaquizada, sen perspectivas de recuperación nun futuro próximo e, segundo varios cálculos, sufriu aproximadamente un millón de baixas.

 Parece probábel que Europa siga aliada co que quede de Ucraína no futuro próximo, dados os custos e a profunda rusofobia impregnada. Que pasará coas relacións entre Europa e Rusia no futuro? Non só serán tóxicas, senón tamén perigosas. A posibilidade dunha guerra seguirá presente. Ademais do risco de que a guerra entre Ucraína e Rusia se renove, hai outras seis polvoreiras onde podería estalar unha guerra entre Rusia e un ou máis países europeos.

 En primeiro lugar, o Ártico, onde o desxeo abriu a porta á competencia por rutas e recursos. Sete dos oito países situados no Ártico son membros da OTAN. En segundo lugar, o mar Báltico, ás veces denominado «lago da OTAN» por estar rodeado en gran parte por países da devandita alianza. Con todo, é de vital interese estratéxico para Rusia, do mesmo xeito que Kaliningrado, o enclave ruso en Europa do Leste que tamén está rodeado por países da OTAN. O cuarto punto quente é Bielorrusia, que, polo seu tamaño e localización, é tan importante estratexicamente para Rusia como Ucraína.

 Occidente xa está fondamente involucrado en Moldavia, que non só limita con Ucraína, senón que tamén contén unha rexión separada de facto, Transnistria, onde están despregadas tropas rusas. E por último, o mar Negro, de grande importancia estratéxica para Rusia e Ucraína, así como para un feixe de países da OTAN: Bulgaria, Grecia, Romanía e Turquía, onde existe un gran potencial de conflito.

 Todo isto significa que, mesmo despois de que termine a guerra en Ucraína e se converta nun conflito conxelado, Europa e Rusia seguirán mantendo relacións hostís nunha contorna xeopolítica inzada de focos de tensión. Noutras palabras, a ameaza dunha gran guerra europea non desaparecerá cando cesen os combates en Ucraína.

 Unha vitoria rusa, aínda que non sexa triunfal, lograría o obxectivo estratéxico mínimo para Moscova –unha Ucraína neutralizada que non poida servir como trampolín para un ataque da OTAN– e sería unha derrota esmagadora para Europa, e para a OTAN, que estivo profundamente involucrada no conflito desde 2014.

 Por último, o cambio histórico da unipolaridade á multipolaridade crea poderosos incentivos para que os Estados Unidos se centren en China. Cando pivotas cara a un sitio, desengánchaste doutro, e os EUA pivotan cara a Asia pola nova redistribución global de poder. A guerra en Ucraína enfoca a súa fase terminal; non está claro como e cando terminará, pero si quen lle dará forma. E entre eles non estará Europa.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 4 de decembro de 2025]

Volver