A autonomía non rematou co centralismo

Manuel Mera -

O centralismo non desapareceu co Estado das Autonomías, que xa foi unha descentralización  limitada, forzada polo estado de ánimo social e a correlación de forzas naquela conxuntura. Ou sexa, foi unha cesión aos nacionalismos de Catalunya, Euskadi e Galiza para frear cambios de fondo

 Hai quen pode valorar que hoxe as posturas centralistas agresivas dos partidos e organizacións sistémicas son un reaxer lóxico diante das reivindicacións independentistas das nacionalidades periféricas. Mais esta sempre foi unha histórica oposición aos dereitos das nacións sometidas por parte das forzas que asumen como propiedade todo o ámbito territorial do Estado español (EE), fronte ao reclamo lexitimo de, por exemplo, Galiza, Euscadi e Catalunya, que loitan por lograr a independencia ou constituír unha confederación (mesmo coa incorporación de Portugal), ou sexa, obter a máxima soberanía posíbel, é dicir, poder popular en todos os ámbitos, en todos os contextos históricos. Mais, ambas propostas son olladas como inaceptábeis polo españolismo malia o carácter integrador da segunda (recoñecendo os dereitos básicos das nacionalidades, que hoxe teñen dentro do EE un rol secundario e un papel subordinado na cadea de valor).

 Malia a caída da ditadura franquista e as autonomías, o esencial do centralismo normalizouse na chamada “transición democrática”. Como exemplo, cando o Consello Económico e Social (de España) aprobou un informe no que esixía o control polo Estado das competencias transferidas ás autonomías. O acordo só contou con 4 votos en contra (entre eles os de ELA e a CIG) e 10 abstencións (de 61 membros). Forma parte do CES a patronal, sindicatos, organizacións agrarias e pesqueiras, consumidores, economía social, e expertos/as. Está adscrito ao Ministerio de Traballo, que nomea o/a presidente/a. No texto falábase do respecto ás autonomías, mais na práctica consagraba que todo o esencial se decidise en Madrid. Facíase especial mención a eliminar políticas especificas no ensino, sanidade, transporte, servizos sociais, comercio interior... ou sexa, en practicamente todo!, xa que moito do resto son competencias exclusivas da Unión Europea (agro, pesca...) ou do Goberno central: xustiza, defensa, comercio exterior, economía, relacións laborais...

 O argumento empregado para defensa da proposta era que, dado que a Unión Europea é un mercado máis amplo, calquera transferencia de competencias a ámbitos inferiores é negativa, trabaría a libre circulación de mercadorías e impediría un trato igual aos cidadáns. Un absurdo. Unha escusa que cae polo seu propio peso, xa que os Estados Unidos, Canadá, Alemaña e Suíza, son sistemas federais, onde os estados ou cantóns teñen moitas máis competencias que as autonomías e nacionalidades históricas do Estado español, e contra o que se argumentaba polo CES teñen un maior grao de desenvolvemento, e normalmente mesmo se poñen como exemplo económico e democrático.

 Esta decisión do CES non foi o único paso regresivo, malia as limitadas competencias transferidas ás nacionalidades, no Estado das Autonomías. En 1982 UCD e o PSOE pactaron a LOAPA (Lei de Harmonización do Proceso Autonómico), que tiña como finalidade igualar todas as comunidades autónomas, para restar singularidade ás nacionalidades históricas, aquilo de «café para todos». Euskadi e Catalunya recorreron esta lei, o que lle restou algúns dos aspectos máis regresivos ao texto. Porén, axiña se deron novos pasos atrás, concretamente coa Lei de Garantía de Unidade do Mercado (decembro 2013). A Lei faculta á Comisión Nacional de Mercados e Competencias (CNMC) para recorrer vía contencioso-administrativo contra calquera acto que considere que vulnera a unidade de mercado (considerado como unha cuestión fundamental, ser ter en conta as particularidades de cada autonomía), polo que pode solicitar que a Audiencia Nacional suspenda de urxencia calquera normativa autonómica que “impida a liberdade de movemento das empresas”, ou de sancións impostas até que non se pronuncie un órgano xurisdicional.

 O centralismo non desapareceu co Estado das Autonomías, que xa foi unha descentralización  limitada, forzada polo estado de ánimo social e a correlación de forzas naquela conxuntura. Ou sexa, foi unha cesión aos nacionalismos de Catalunya, Euskadi e Galiza para frear cambios de fondo. Ademais, a tendencia dominante en Europa alenta a centralización e concentración do poder e da riqueza da man da globalización neoliberal. Nunca contaron con que a resistencia das nacións periféricas no EE fose tan forte... Cando se asumirá en Madrid o carácter plurinacional do Estado?...

 

[Galiza, 4 de setembro de 2025]

Volver