Lawfare contra a clase traballadora: un caso de manual

Luis Ocaña Escolar -

O lawfare alonga procesos para esgotar aos seus obxectivos, consome recursos, mantén a presión e introduce aspectos a atender que desenfocan os esforzos sindicais ou alteran as prioridades. A duración dos procedementos e o lento funcionamento da xustiza son chave para que a estratexia do lawfare despregue todos os seus efectos con plenitude

 O -agora moi recorrente- concepto lawfare ten a súa orixe nas teorías do sector de intelixencia dos Estados Unidos. Non é casual. O investigador Gregoy P. Noon defíneo como “unha arma deseñada para destruír o inimigo mediante o uso, mal uso e abuso do sistema legal e os medios de comunicación para provocar protestas públicas contra ese inimigo”. Inicialmente, articulouse contra determinados líderes políticos latinoamericanos e, superado ese banco de probas, observamos como se desprega noutros ámbitos. O laboral é un deles. E a loita sindical foi elixida como obxectivo.

 Analizaremos, a seguir, as súas dez principais características e a súa incidencia no marco actual de relacións laborais.

  1. Instrumentalización do dereito e falta de probas sólidas

 O lawfare baséase en acusacións débiles deseñadas para castigar máis que para probar. A utilización das penas de banco, os linchamentos mediáticos e a obsesión polo titular xustifican a acción xurídica. Con frecuencia esta carece do máis elemental rigor técnico e xustifícase unicamente en incidir sobre un determinado conflito: folgas, negociacións ou despedimentos son claro exemplo de contextos idóneo para o lawfare contra os traballadores. E así non é casual que as denuncias contra os 6 da Suíza se enmarquen durante un conflito laboral, que as detencións da ‘Operación Fuego’ se argallen na segunda fase dunha folga xeral do sector do metal, tras o asinamento dun preacordo en solitario por UGT ou que se interesen cantidades millonarias só a determinados -e incómodos- membros dun Comité de Folga xusto antes do seguinte proceso electoral, como no caso de Acerinox.

  1. Obxectivos extralegais

 O lawfare busca neutralizar a acción daqueles suxeitos aos que converte en inimigos. O seu fin primordial é atacar unha actuación incómoda e que non interesa a determinado sector. O xurídico convértese así nun simple medio. Aténdese exclusivamente ao procedemento e prodúcese un afastamento total da idea de xustiza. Xustiza e dereito afástanse ao máximo nesta concepción.

 Nos casos laborais, as actuacións analizadas teñen por obxecto reforzar posicións en situacións de negociación ou conflito. É dicir, que procuran -en exclusiva- debilitar a outra parte. Pura correlación de forzas. Por iso é polo que se ataque a quen constitúe unha alternativa ou a quen non se dobrega aos intereses patronais ou do goberno do momento. Só así se explica que o sindicalismo “minoritario” sexa maioritario en detencións, sancións, despedimentos, condenas, multas e demais situacións represivas.

  1. Selectividade

 A persecución selectiva é unha marca do lawfare. Concretándoo nos recentes casos de Cádiz, é casual que as centrais sindicais afectadas polo mesmo sexan ATA, CGT e CTM? A discriminación neste ámbito é patente. E asistimos a dinámicas de verdadeiras persecucións fronte a todo aquel que desafíe o statu quo.

  1. Apoio mediático

 Os medios de comunicación xogan un destacado papel de complicidade no desenvolvemento das estratexias do lawfare. Prodúcense habitualmente nesgos informativos, amplifícanse narrativas condenatorias, aféctase á presunción de inocencia e xéranse estados de opinión antes de calquera decisión xudicial ou sentenza.

 Moi especialmente, hai grupos de comunicación que propician deliberadamente estas situacións. Tamén existe quen actúa como megáfono de provocacións ou de acusacións infundadas. Abonda con ler os titulares das cabeceiras do grupo Vocento durante a recente folga do metal gaditana.

  1. Abuso de institucións

 O lawfare depende de institucións xudiciais nesgadas que fabrican ou esaxeran cargos. En ocasións é a propia actuación xudicial. E non só ocorreu en Brasil, onde Sérgio Moro actuou contra Lula, durante a operación Lava Jato. A actuación do xuíz instrutor Lino Mayo enviando a prisión aos 6 da Suíza ou a decisión de ingreso en prisión a quen aboou integramente a fianza imposta na Operación Fuego son exemplos claros e vivos de que non só en América Latina se emprega o lawfare. E a actuación non se limita a políticos, senón que afecta a persoas traballadoras sen cargos sindicais destacados ou a simples participantes de convocatorias inimigas.

 Se a esta ecuación sumamos determinadas actuacións de fiscalías, patronais ou sindicatos amarelos teremos o cadro completo. O lawfare non opera no baleiro, senón que depende dunha andamiaxe institucional disposta a conseguir os seus fins.

  1. Uso de teorías xurídicas controvertidas

 O lawfare apóiase en doutrinas e construcións legais moi cuestionábeis. O fin xustifica os medios. E así, todo vale para criminalizar a acción sindical que non se pliega aos intereses dos poderosos.

 Asistimos a casos inéditos, precedentes únicos, fianzas desproporcionadas, ficcións legais, suposicións, condenas exorbitantes e actuacións xurídicas que rozan o absurdo, que só atopan motivación á vista de quen as utiliza e para que as emprega. Así, enfrontámonos a un terreo descoñecido e inexplorado, onde a técnica xurídico-procesual cede ante os intereses do capital. As máis arraigadas doutrinas xudiciais mesmo ceden ante a constante retorsión das institucións de garantía. Así observamos detencións inexplicábeis que só teñen xustificación nunha lóxica punitivista e en emitir “avisos a navegantes”. Claro exemplo diso é a detención en Madrid de sindicalistas de CCOO por participar nunha folga fronte á multinacional OHL.

  1. Impacto e medidas desproporcionadas

 Os danos causados adoitan ser irreparábeis. O abuso de institucións como as detencións, prisións provisionais, fianzas e demais medidas constitúen unha verdadeira anticipación da pena que afecta á posición xurídica, decisións e garantías que deben asistir a calquera persoa inmersa nun procedemento.

 Sen o emprego desta técnica, resolveríase de igual maneira o caso do tres sindicalistas de Airbus, procesados por se opoñeren ao peche da factoría de Puerto Real?

  1. Momento sospeitoso

Todas as actuacións se executan de maneira sincronizada para maximizar o seu impacto. Así, teñen lugar cando máis dano se pode facer. Momentos álxidos dos conflitos, proximidade a asembleas ou referendos determinantes para o asinamento dun convenio son as datas sempre elixidas para impactar ao máximo.

 Ademais, conséguese non só afectar o conflito ou situación concreta, senón que tamén se xera un clima de terror. É precisamente este efecto o perseguido. Quen se move non sae na foto. E quen se move máis, pagará mesmo con consecuencias máis graves para a súa liberdade, a súa economía ou o sufrimento de familiares, militantes e amigos. Non hai outra explicación a que durante todos os gobernos da democracia -sen excepción- se detivese sempre os líderes xornaleiros do SOC-SAT. As cadeas saen a relucir para impactar nos momentos álxidos de determinados ciclos de loita.

  1. Intereses económicos

 Hai actores económicos que se benefician directamente do lawfare. Non se aplica nunca o lawfare ao sindicalismo amarelo, senón que este ataca frontalmente a quen cuestiona o poder estabelecido. Os seus efectos son indubidábeis. Por que nunca se detén a empresarios? Non hai sinistralidade laboral dabondo? Por que apenas se aplican os delitos contra os dereitos dos traballadores?

 E ante a dúbida non habería máis que preguntarlle a FEMCA, patronal do metal gaditana, polas súas únicas actuacións en materia laboral. Alguén pode pensar que son froito da casualidade?

  1. Prolongación indebida do proceso

 O lawfare alonga procesos para esgotar aos seus obxectivos, consome recursos, mantén a presión e introduce aspectos a atender que desenfocan os esforzos sindicais ou alteran as prioridades. A duración dos procedementos e o lento funcionamento da xustiza son chave para que a estratexia do lawfare despregue todos os seus efectos con plenitude. A garantía de que o sistema xudicial responde obedientemente aos intereses da orde estabelecida é esencial. Unha xustiza lenta non é xustiza. E unha xustiza lenta e “inxusta” é aínda peor.

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 25 de agosto de 2025]

Volver