Galiza nas fontes históricas non españolas

Manuel Mera -

Utilizando as fontes árabes, Ana María Carballeira constata que durante boa parte da Idade Media a toda a área político-xeográfica do norte os árabes lle chaman Gallaecia. Exclúen case que sempre desta denominación a zona oriental que consideraban parte da Marca Franca (Ifranya)

 

 Quero máis unha vez comentar, polo seu interese respecto da nosa historia, o libro Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales, de Ana María Carballeira Debasa (editado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas, no ano 2007). Na súa investigación a autora dá unha extensa información sobre o destacado papel da Galiza durante esa época. Antecedentes que aportan argumentos para valorar acaidamente a cuestión nacional galega.

 A historia galega, a súa importancia durante séculos no contexto europeo, está en boa medida aínda por recuperar e socializar, xa que foi agochada ou terxiversada en moitos aspectos polas clases dominantes casteláns-españolas. Foino como parte da súa expansión mediante a conquista militar, colonización e asimilación (rematando coa soberanía do Reino de Galiza, na que se suceden períodos de independencia e outros de confederación entre reinos). A finalidade deste cristal opaco era, e segue a ser, restar importancia á existencia numerosos reis propios e á centralidade de Galiza durante amplos períodos; e deste xeito diminuír o papel da nosa nación e restar fortaleza histórica ás reivindicacións de soberanía. Reforzando así unha pretendida españolidade, sinónimo do Reino de Castela+León, agochando e diluíndo o longo e calculado proceso de imposición. Daquela, os reis dos galegos ou da Gallaecia pasaron a ser de: Asturias, León, Castela.

 Esta acomodación da historia ás necesidades do sistema fica ao descuberto nun texto de George Slocombe sobre Guillerme o Conquistador (Rei de Inglaterra de 1066 a 1087), publicado nun fascículo do Centro Editor de América Latina (Arxentina), utilizando bibliografía inglesa e francesa o autor afirma que: “a filla deste rei, Ágata, fora pedida en matrimonio por Afonso rei de Galiza (...). O pedido sería atendido, e Ágata, acompañada por unha rica escolta de nobres e prelados, partiu para a longa viaxe deica España”. Trátase de Afonso VI, que a historia oficial española nomea en troques como rei de León e Castela.

 Utilizando as fontes árabes, Ana María Carballeira constata que durante boa parte da Idade Media a toda a área político-xeográfica do norte os árabes lle chaman Gallaecia. Exclúen case que sempre desta denominación a zona oriental que consideraban parte da Marca Franca (Ifranya). Os árabes utilizan dúas variantes para nomear a este territorio, Yilliqiya e Galisiya. A primeira utilízase preferentemente para denominar o que foi a Gallaecia romana (con ou sen partes de Castela) e a segunda para facer referencia á Galiza propiamente dita en períodos avanzados da Idade Media (incluíndo por suposto a todo o norte e nalgunhas oportunidades tamén o centro do Portugal actual). Estas denominacións e as fronteiras varían algo segundo a fonte e o momento histórico.

 A autora destaca que durante a conquista árabe: “Yilliqiya revélase como un dos principais puntos de atracción da migración hispano-goda. No caso da Galiza propiamente dita, esta afluencia non só se explica pola escasa repercusión da irrupción musulmá nesta rexión, senón tamén polos seus peculiares características. Como indica C. Baliñas, a destrución do espazo político do reino de Toledo non afectou substancialmente a Galicia, tendo en conta da súa escasa integración naquel”.

 Ademais, sinala que resulta evidente que durante a Alta Idade Media os árabes chamaban galegos a todos os habitantes do norte. Por exemplo, cando se facía referencia á morte de “Afonso II, señor de Yilliquiya, en 842 e do ascenso ao trono de Ramiro I, rei dos galegos”. Tamén transcribe que Ibn Idari (historiador magrebí de Fez) informa que al-Muzaffar (1045-1063) “acordou con Fernando I rei dos galegos (1037-1064), a entrega de cinco mil dinares desde o comezo da tregua  (...) pódese ollar que o Rei de Castela e León recibe a denominación de ‘galego’ que até entón tíñase aplicado preferentemente aos de León”.

 Engade que no século XI Al-Bakri (Granada; 1014-1094) proporciona unha descrición dos límites e divisións  de Yilliqiya, e divide o territorio en catro rexións: “A primeira ocupa a parte máis occidental da Península, alargándose até a cidade de Braga; é a Yilliqiya propiamente dita e a que seus habitantes son os galegos (Yalaliqa). A segunda rexión é Asturias (...). A terceira está constituída pola zona de Yilliqiya que se estende ao suroeste, ocupado por un pequeno enclave situado entre Braga e O Porto, cuxos habitantes son coñecidos co nome de portugueses. Finalmente a cuarta está situada ao sur-leste recibe o nome de Castela”. Esta última está subdividida na Castela ulterior (Reino de León) e a Castela citerior.

 A medida que avanza a Idade Media a denominación de Yilliqiya (Gallaecia) será substituída progresivamente. Porén, non totalmente; así  Ibn Jaldun (cronista tunesino morto en 1406), nesta época tan avanzada da Idade Media, en tempos da revolta Trastamara, pon de manifesto que “Pedro I sucedeu a Afonso XI ao fronte dos galegos”. Polo tanto segue usando a denominación de Yilliqiya e non a do Reino de Castela e de León.   

 Non menos importante é a caracterización que sobre as xentes do país fan os escritores árabes, así Ibn Jaldun salienta que os galegos nos combates “baten tambores, tocan gaitas e entoan cantigas”. Pola súa banda Abu L-Fida (xeógrafo sirio, morto en 1331) di que: “os galegos distínguense pola súa valentía e astucia, pois non admiten a fuxida no encontro militar e consideran apropiada a morte no seu posto. Tamén sinala que son traidores e de natureza vil, caracterizándose polos seus propios escrúpulos” (despois de todo falaba dos seus inimigos).

 Pola súa banda, sobre o papel de Galiza, nun dos períodos máis dinámicos da Idade Media, dinos Emilio González López (no libro, Grandeza y decadencia del Reino de Galicia) o seguinte: “Os reinados de Fernando II e Afonso IX -que se estenden case que un século, de 1157 até 1230- (...) son a época de gloria do triunfo do poder político de Galiza como reino propio, ao que estaba unido León, onte seu señor, e hoxe un simple aliado” (...) foi Centro do que irradiaron aos outros reinos veciños destellos de arte e de cultura compostelán” (Editorial Citania, 1957, Arxentina).

 O libro de Ana María Carballeira fai un amplo estudo das referencias árabes respecto de Galiza, con comentarios sobre aspectos etnográficos. Desenvolve especificamente cada un dos catro períodos nos que se pode dividir a historia política do Al-Andalus, e das observacións que se fan respecto da Galiza. En resumo, trátase dunha contribución importante para un mellor coñecemento da nosa historia nacional, tanto tempo ignorada ou terxiversada polo españolismo centralista, que axuda a recrear a subordinación da nación galega no político, económico, cultural e lingüístico. 

 

[Galiza, 26 de maio de 2025]

Volver

Novas relacionadas