A guerra da OTAN contra Rusia non ten fin no horizonte

Misión Verdad -

O despregamento militar en Europa do Leste, o fluxo constante de armamento e a falta de acordos concretos reflicten unha estratexia consolidada do bloque occidental. Nin os xestos diplomáticos nin o relevo presidencial nos Estados Unidos alteraron o enfoque actual, centrado en soster un conflito prolongado contra Moscova por medios militares, económicos e tecnolóxicos

 A primeiros de ano o escenario internacional ofrecía sinais superficiais de desescalada: xestos diplomáticos entre Washington e Moscova, declaracións de boa vontade e especulacións sobre unha posíbel viraxe estratéxica co regreso de Donald Trump á Casa Branca. Desde hai meses circulan versións sobre un posíbel encontro entre Trump e Putin como símbolo desa viraxe, pero o encontro non ocorreu.

 A parte rusa manifestou en distintas ocasións a súa disposición ao diálogo, pero as condicións necesarias para concretalo non se cumpriron. Por parte dos Estados Unidos, os sinais foron ambiguos e carentes de pasos concretos.

 En paralelo a ese clima de expectativa, a maquinaria militar seguía o seu curso. Máis de 90.000 soldados da OTAN se despregan no flanco oriental de Europa, nun dos exercicios bélicos máis grandes desde a Guerra Fría. As manobras non son rutineiras: son ensaios detallados para unha guerra de alta intensidade contra un "inimigo de forza comparábel", en alusión a Rusia.

Os feitos no terreo

 Mentres o discurso público se aferra á idea dunha posíbel distensión, a OTAN leva a cabo Defender Europe 25, un dos despregamentos militares máis amplos e complexos desde a Guerra Fría. Esta serie de exercicios, dividida en tres fases (Swift Response, Immediate Response e Saber Guardian); trátase en esencia dun ensaio xeral para unha guerra a grande escala contra un adversario do mesmo nivel de forza: Rusia.

 O operativo comezou en abril co traslado de tropas estadounidenses desde o porto de Charleston, Carolina do Sur, cara a Europa. Desde alí activáronse máis de 90.000 efectivos de 29 países, incluídos socios non membros como Xeorxia, Moldavia e Kosovo. As manobras esténdense desde o Ártico até o mar Negro, nun arco xeográfico que abeira practicamente toda a periferia occidental de Rusia. Prácticanse operacións de salto aéreo simultáneas, fogo real con Himars —lanzamísiles múltiples de alta precisión desenvolvidos polos Estados Unidos—, despregamentos loxísticos por vías fluviais, uso de novas tecnoloxías de combate e protección fronte a armas de destrución masiva.

  1. A primeira fase tivo lugar en Finlandia, Noruega, Letonia, Lituania e Suecia, onde 6.000 soldados, a maioría estadounidenses, executaron operacións aerotransportadas con apoio europeo.
  2. A segunda fase desenvólvese en Hungría, Romanía e República Checa, e involucra máis de 9.000 militares que practican cruces de ríos e movementos tácticos a longa distancia.
  3. A terceira e última etapa, Saber Guardian, involucra 12.000 efectivos distribuídos en Albania, Bulgaria, Grecia, Kosovo, Macedonia do Norte, Montenegro e Eslovaquia.

 Máis aló dos números e a loxística, a mensaxe é clara: non se trata de exercicios defensivos senón de simulacións ofensivas. No seu deseño e alcance, Defender 25 reflicte unha doutrina de guerra que asume como escenario principal un conflito directo con Rusia. A coordinación entre brigadas multinacionais baixo un mando único, o perfeccionamento de rutas para o traslado exprés de tropas estadounidenses e a integración de novas tecnoloxías apuntan a unha preparación total para escenarios de combate real.

 Como sinala o Centro de Información Científica e Analítica do Instituto de Estudos Orientais da Academia Rusa de Ciencias, o papel protagonista dos Estados Unidos reforza a idea de que o despregamento apunta ao fortalecemento do seu posicionamento xeostratéxico. Estes exercicios robustecen a infraestrutura bélica da OTAN en Europa do Leste e consolidan un dispositivo de guerra permanente que se mantén en estado operativo.

 Cada fase desenvólvese en zonas sensíbeli próximas ás fronteiras rusas, o que contribúe a reforzar a percepción, tanto en Moscova como en calquera observador minimamente lúcido e atento á linguaxe estratéxica, de que o bloque occidental prioriza a preparación ofensiva antes que calquera compromiso serio co desescalamento diplomático.

De Biden a Trump: a guerra continúa con outro rostro

 A chegada de Donald Trump novamente ao poder alimentou, nalgúns sectores, a expectativa dun cambio na política exterior dos Estados Unidos respecto á guerra en Ucraína. Porén, o curso dos feitos desmente esa ilusión. Até o de agora non houbo ningún indicio concreto de desescalada: nin se detivo o fluxo de armamento, nin se desmontou a infraestrutura militar estadounidense en Europa, nin se modificou o relato estratéxico que xustifica a intervención. A guerra segue e, con ela, o compromiso político, económico e militar de Washington.

 Nunha publicación recente, Russians With Attitude —un podcast de análise xeopolítica de orixe ruso— sinalouse que Trump tivo unha oportunidade histórica para acabar co conflito e responsabilizar o seu antecesor, mais non a aproveitou. Segundo a súa análise, "a historia entregoulle unha bandexa de prata" ao brindarlle a posibilidade de saír do "apuro ucraíno" cun discurso público que desclasificara información e o desligara das decisións previas. Pero elixiu non o facer.

 O texto di que a maquinaria bélica segue funcionando sen interrupcións: "Os avións seguen a aterrar en Polonia, a base de Wiesbaden continúa dirixindo a guerra", e cada acción no terreo, desde mísiles Himars até drons guiados por Starlink, agora opera baixo o mandato de Trump.

 A mención a Starlink, propiedade de Elon Musk, non é menor: a súa rede satelital foi chave para as operacións ucraínas, facilitando comunicacións seguras e o control remoto de drons en combate. Aínda que Musk renunciou recentemente ao Departamento de Eficiencia Gobernamental (DOGE, polas súas siglas en inglés), a súa implicación no goberno de Trump II, sumada ao rol estratéxico da súa infraestrutura tecnolóxica no teatro de operacións, revela a profundidade do entrelazamento entre poder corporativo, negocios militares e decisións de Estado.

 A crítica vai máis aló dunha denuncia puntual: cuestiona se Trump realmente pretendía cesar a participación estadounidense ou se, pola contra, a súa retórica pacifista foi só un recurso electoral sen correlato na política real, que deixa aberta a posibilidade de que el e o seu equipo fosen simplemente incapaces de executar unha viraxe estratéxica.

 Este ollar coincide coa lectura que se consolidou desde Moscova, onde as autoridades rusas reiteraron que o resultado das eleccións nos EUA non altera substancialmente o seu posicionamento. A diplomacia rusa mantivo un ton formalmente construtivo, pero sen depositar esperanzas reais nun cambio de fondo.

 En efecto, o que se interpreta é que a guerra deixou de ser unha cuestión de administracións para se converter nunha expresión estrutural da política de Estado estadounidense. Pero isto é historia vella, non recente.

Diplomacia como espectáculo

 O 12 de febreiro Trump anunciou a súa primeira conversación telefónica con Vladimir Putin: o Kremlin confirmou a chamada e cualificouna de "intercambio substancioso", aínda que non transcendeu ningunha folla de ruta nin garantías de seguridade. Rusia subliñou que, sen compromisos escritos, calquera cesamento do fogo sería prematuro.

 O 18 de marzo tivo lugar o que ambas as partes describiron como a súa conversa "máis extensa". Washington propuxo entón un cesamento do fogo de 30 días; Moscova respondeu que a idea era inviábel "mentres non se aclaren numerosos matices", entre eles o status dos novos territorios rusos e o levantamento gradual de sancións.

 O 25 de abril o enviado especial da Casa Branca, Steve Witkoff, reuniuse con Putin no Kremlin. Segundo Reuters, a proposta estadounidense incluía recoñecer Crimea e abrir un debate posterior sobre o resto de territorios; porén, desde Moscova considerouse que o borrador carecía de garantías xurídicas e advertía que Bruxelas e Kiev "trataban de torpedear" calquera avance. O encontro pechouse sen calendario nin texto conxunto.

 Tres días despois, o 28 de abril, Serguei Lavrov conversou por teléfono co secretario de Estado, Marco Rubio. Ambas as partes coincidiron en "manter o contacto", pero o Ministerio de Exteriores ruso sinalou que Estados Unidos seguía sen presentar propostas concretas sobre a raíz do conflito.

 O 28 de maio, Lavrov anunciou que Moscova elaborara un memorando integral e propoñía retomar o diálogo directo con Kíev o 2 de xuño en Estambul, con Vladimir Medinski á fronte da delegación rusa. Ese mesmo día, Vladimir Zelenski declarouse disposto a unha cimeira trilateral con Trump e Putin; o Kremlin respondeu que unha reunión de líderes "só tería sentido despois de avances reais" nas conversas bilaterais, sen desbotar formalmente a participación estadounidense.

 A xornada concluíu cun xiro retórico da Casa Branca: Trump díxose "moi decepcionado" con Putin e deu "dúas semanas" para comprobar se Moscova busca a paz, insinuando represalias se non ve progresos. O contraste é revelador: Rusia presenta memorandos, suxire datas e reclama garantías de fondo e Washington encadea chamadas, viaxes e ultimatos mediáticos que non alteran a realidade no terreo.

 Cómpre engadir a esta secuencia outro elemento substantivo: a administración Trump non dá sinais de querer modificar o réxime de sancións imposto a Rusia. Até o de agora, non levantou nin flexibilizou ningunha das medidas coercitivas vixentes, e aínda que evitou anunciar novas sancións en torno ao aniversario da operación militar especial —unha ruptura coa práctica de anos anteriores—, permitiu que entrasen en vigor as disposicións adoptadas ao final do mandato de Biden, incluída a prohibición de que cidadáns estadounidenses presten servizos ao sector petroleiro ruso, efectiva desde o 27 de febreiro.

 Tamén prorrogou a emerxencia nacional en relación con Ucraína até marzo de 2026, co cal prolongou o marco legal que sustenta boa parte do réxime sancionatorio desde 2014.

 Por outro lado, desde o Congreso prepárase unha ofensiva lexislativa co proxecto de lei Sanctioning Russia Act of 2025, presentado por Lindsey Graham, que propón novas sancións masivas, incluídos aranceis do 500% sobre países que compren petróleo ruso. Xa conta con máis de 80 copatrocinadores, suficientes para anular un veto presidencial. Voces republicanas do Senado comezaron a expresar a súa frustración ante a falta de acción, e buscan avanzar coa lexislación sen esperar a iniciativa do Executivo.

 O despregamento militar en Europa do Leste, o fluxo constante de armamento e a falta de acordos concretos reflicten unha estratexia consolidada do bloque occidental. Nin os xestos diplomáticos nin o relevo presidencial nos Estados Unidos alteraron o enfoque actual, centrado en soster un conflito prolongado contra Moscova por medios militares, económicos e tecnolóxicos. A isto súmase o mantemento intacto do réxime de sancións, que segue funcionando como ferramenta estrutural de presión sen que se desen sinais de flexibilización.

 A dinámica do enfrontamento avanza con lóxica propia, e a narrativa oficial, feita en principio de declaracións e promesas de diálogo, comeza a reflectir, cada vez máis, a confrontación material que se sostén no terreo.

 

[Artigo tirado do sitio web venezolano Misión Verdad, do 30 de maio de 2025]

Volver