O vínculo inseparábel do capitalismo coa guerra

Domenico Moro -

É a guerra moderna, cos seus enormes gastos militares, a que proporciona un mercado adicional e rendíbel para as empresas capitalistas e, sobre todo, coa inmensa destrución que produce, a que elimina o exceso de capital e, grazas á reconstrución, restabelece as condicións para o reinicio da acumulación

 A guerra convértese nunha actividade característica da humanidade desde que esta se dividiu en clases sociais. De feito, as causas económicas sempre estiveron na raíz da guerra. Mais só co capitalismo plenamente desenvolvido xurdiron as guerras mundiais, ligadas á globalización do capital e á creación de armas de destrución masiva, debido ao enorme gasto en investigación e novas tecnoloxías.

 A guerra é, ante todo, un motor da economía capitalista nos seus momentos de crise estrutural e cando se pon en cuestión a xerarquía de poder na que se basea a nivel internacional. En tempos de crise, o gasto militar e a inmensa destrución causada polo uso de armas modernas veñen rapidamente en axuda dos beneficios.

 Non é casualidade, de feito, que no momento actual, caracterizado por unha crise que afecta as zonas de maior desenvolvemento tradicional do capitalismo, os EUA, Europa Occidental e Xapón, esteamos asistindo a un aumento do gasto militar.

 Nos Estados Unidos, os recortes ao gasto do goberno federal, que xa provocaron o despedimento de miles de empregados públicos, debían estenderse ao gasto militar, que en cinco anos se reduciría aproximadamente nun terzo: de 968.000 millóns de dólares en 2024 a 600.000 millóns en 2030. Porén, a administración Trump deu marcha atrás e o gasto militar previsto para 2026 medrará ata 1.010.000 millóns, incluíndo a modernización nuclear, o Golden Dome, o escudo espacial e antimísiles, e a expansión das forzas navais[i].

 O gasto militar tamén está a medrar en Europa. A Comisión Europea puxo en marcha un plan de rearmamento por valor de 800.000 millóns de euros repartidos en catro anos. Até hai pouco, a OTAN exixía aos seus estados membros que acadaran un gasto de polo menos o 2% do PIB, aínda que algúns estados importantes non chegaron a ese nivel, entre eles Italia e Alemaña.

 Hoxe, mentres Italia declarou que acadará o 2% en 2025, o secretario xeral da OTAN, o holandés Mark Rutte, propón levar o nivel mínimo de gasto ao 5% do PIB (3,5% de gasto militar real e 1,5% asignado á ciberseguridade)[ii].

 Un aumento ao 3,5% supón un gasto adicional de 33.000 millóns para Italia. O país que máis se está rearmando é Alemaña, que, en recesión desde hai dous anos e co seu aparato industrial en dificultades, aumentou o seu orzamento de defensa de 52.000 millóns de euros en 2024 a 60.000 millóns en 2025 e prevé gastar centos de miles de millóns nos próximos anos.

 O chanceler alemán, Friedrich Merz, declarou que converterá o seu exército na “forza armada convencional máis poderosa de Europa”[iii]. Entrementres, entre o 10 e o 11 de xullo celebrarase en Roma unha conferencia para a reconstrución de Ucraína, que reportará enormes beneficios ás empresas europeas implicadas.

 Porén, volvamos á conexión entre capital, gasto militar e guerra. O modo de produción capitalista caracterízase pola acumulación ampliada, é dicir, pola acumulación cada vez maior, en cada ciclo económico, de capital en forma de medios de produción e forza de traballo.

 O problema é que nesta acumulación continua se produce o chamado aumento da composición orgánica do capital. Isto significa que a parte do capital investida en medios de produción aumenta proporcionalmente máis que a investida en forza de traballo, porque o capitalista tende a substituír os traballadores por máquinas cada vez máis eficientes.

 Como só a forza de traballo determina a creación de plusvalía, é dicir, o beneficio, e a taxa de beneficio calcúlase poñendo a plusvalía obtida no numerador e o capital total investido no denominador, xérase unha diminución da taxa de beneficio. Marx chama a esta tendencia, específica do capital, a lei da tendencia decrecente da taxa de beneficio[iv].

 Como a produción capitalista está impulsada pola procura do máximo beneficio, a caída da taxa de beneficio determina a contracción dos investimentos, a subutilización das plantas e, polo tanto, as crises que ciclicamente atinxen o capitalismo.

 Marx di tamén que esta lei se ve contrastada por algúns factores antagónicos que determinan a súa natureza tendencial. Entre estes factores están: o aumento do grao de explotación do traballo, a redución dos salarios, a existencia dunha reserva de desempregados á que recorrer e, sobre todo, a expansión exterior do capital... Esta última consiste na tendencia a conquistar novos mercados para a exportación de mercadorías e sobre todo de capitais excedentes, que se invisten en países onde a acumulación está menos avanzada e os salarios son máis baixos e onde, polo tanto, a taxa de beneficio é máis alta.

 Desta tendencia derivan dúas consecuencias: a creación do mercado mundial e a afirmación do imperialismo como tendencia dos estados capitalistas máis avanzados e como factor de desenvolvemento do militarismo e da guerra.

 A globalización, tanto a que se produciu entre finais do século XIX e comezos do XX como a que se desenvolveu desde os anos 1990 ata hoxe, é polo tanto resultado, como di David Harvey, do “arranxo espacial”, é dicir, do axuste no espazo da acumulación capitalista[v].

 Porén, como vimos ao longo do século XX e nesta primeira parte do XXI, a globalización non puido solucionar a sobreacumulación de capital, é dicir, o exceso de capital investido nos medios de produción.

 A sobreacumulación prodúcese cando hai demasiado capital investido, o cal é “demasiado” no sentido de que o novo investimento non produce o beneficio esperado polos capitalistas. Neste caso os investimentos diminúen, dando lugar á crise. É, polo tanto, a sobreacumulación de capital a que está na base das crises cíclicas e da sobreprodución de bens.

 Neste punto, a única maneira de que o capital resolva a sobreacumulación e reinicie o ciclo de acumulación é a destrución do propio capital. Só a destrución física do capital acumulado en forma de bens, medios de produción e infraestrutura pode resolver o problema. En parte, esta destrución física ocorre a través da morte de empresas máis febles ou a súa absorción por outras máis fortes, a chamada centralización do capital.

 Pero cando a sobreacumulación é realmente excesiva e persiste, aínda que se utilizasen todos os factores antagónicos á caída da taxa de beneficio, só hai un camiño para resolvela: a guerra.

 É a guerra moderna, cos seus enormes gastos militares, a que proporciona un mercado adicional e rendíbel para as empresas capitalistas e, sobre todo, coa inmensa destrución que produce, a que elimina o exceso de capital e, grazas á reconstrución, restabelece as condicións para o reinicio da acumulación.

 Como escribiron dous economistas estadounidenses, Paul A. Baran e Paul M. Sweezy, na súa obra O Capital Monopolista, as guerras representan un poderoso estímulo externo para superar as depresións económicas: «Ninguén de xeito sensato afirmaría que sen guerras a historia económica do século XX sería a que foi. Polo tanto, debemos incorporar as guerras ao noso esquema explicativo; para iso, propoñemos consideralas, xunto coas innovacións revolucionarias, como estímulos externos de importancia fundamental»[vi].

 Podemos ver como a acción rexeneradora da guerra e do gasto militar actuou durante o último século e segue actuando sobre a economía do estado máis importante do mundo, os EUA, a pesar de que as dúas guerras máis devastadoras que coñeceu a humanidade non se libraron no seu territorio.

 Por isto Baran e Sweezy afirman que “sen a Primeira Guerra Mundial, a década de 1910-20 pasaría á historia dos Estados Unidos como un período de extraordinaria depresión”[vii]. Pero, despois do período de desenvolvemento da década de 1920, a partir de 1929, produciuse en todo o mundo avanzado o que se chamou a Gran Depresión, a crise máis importante do modo de produción capitalista.

 Nos Estados Unidos, o presidente Roosevelt lanzou o New Deal, un plan de gasto público para estimular a demanda agregada e a produción. Porén, a saída da crise non se debeu ao New Deal, xa que, tras unha breve recuperación, en 1938 a economía estadounidense volveu caer en recesión.

 A Gran Depresión só se solucionou grazas ao enorme gasto provocado polo rearmamento militar e o estouro da Segunda Guerra Mundial. Foron estes gastos e a inmensa destrución de capital os que resolveron definitivamente a crise e determinaron o desenvolvemento do modo de produción capitalista durante trinta anos despois da guerra... De feito, a reconstrución, financiada polo capital excedente dos EUA a través do Plan Marshall, deu un poderoso impulso á acumulación, nomeadamente nos países que perderan a guerra, Alemaña, Italia e Xapón, nos cales se concentrou a maior destrución.

 Nos Estados Unidos, convertidos na potencia hexemónica mundial e requirindo grandes forzas armadas, o gasto militar non diminuíu despois do final da Segunda Guerra Mundial.

 A meirande parte do aumento do gasto gobernamental debeuse ao gasto militar, que pasou do 1% ao 10% do produto nacional bruto. «Arredor de seis ou sete millóns de traballadores», escriben Baran e Sweezy, «máis do 9 % da forza laboral depende do gasto militar para o seu emprego».

 Se estes volveran ás proporcións que tiñan antes da Segunda Guerra Mundial, a economía nacional volvería ás condicións de profunda depresión, que prevaleceron na década de 1930-1940, con taxas de desemprego superiores ao 15%»[viii]. E ademais: «En 1939, o 17,9% da forza laboral estaba desempregada e pódese supoñer que aproximadamente o 1,4% do resto estaba empregada na produción de bens e servizos de defensa».

 Noutras palabras, un 18% da forza laboral estaba desempregada ou empregada en actividades dependentes do gasto militar. En 1961 (…) as cifras correspondentes foron un 6,7% de desempregados e un 9,4% de empregados dependentes do gasto militar, é dicir, un total de aproximadamente o 16%. (…) De aí se deduce que unha redución do orzamento militar ás proporcións de 1939 devolvería o desemprego ás proporcións dese ano»[ix].

 Neste punto xorde a pregunta: ¿podería o gasto público civil ser tan eficaz como o gasto público militar para contrarrestar as crises? E se é así, por que o gasto militar non se substitúe por gasto civil?

 A resposta é que isto non é posíbel na sociedade do capitalismo monopolista, onde a oligarquía gobernante se opón a un maior aumento do gasto civil, como ocorreu durante o New Deal nun momento en que o desemprego aínda alcanzaba ao 15% da forza laboral.

 A razón é que o aumento do gasto público civil afecta os intereses da oligarquía capitalista. De feito, o gasto público civil é combatido «cada vez que determina unha situación de competencia coa iniciativa privada»[x]. Isto é evidente, por exemplo, no gasto público en saúde que afasta os clientes da atención médica privada e na construción de vivendas, onde a edificación masiva de vivendas públicas quitaría oportunidades de beneficios aos promotores privados.

 Pola contra, non hai competencia coas empresas privadas no ámbito militar e, de feito, o gasto militar vai directamente ás empresas privadas do sector, que adoito tamén teñen unha rama civil que pode beneficiarse do financiamento proporcionado á rama militar, como no caso de Boeing, que produce avións tanto militares como civís.

 O papel especial do gasto militar e da guerra na economía estadounidense seguiu sendo evidente mesmo despois de 1961, ano ao que se refiren os datos citados por Sweezy e Baran. De feito, se observamos a evolución dos beneficios das empresas non financeiras estadounidenses entre 1929 e 2008, vemos que os picos no crecemento do beneficio neto despois de impostos como porcentaxe dos custos do stock neto de capital fixo se producen en conxunción coas guerras que os Estados Unidos libraron, desde a Segunda Guerra Mundial ata a Guerra de Corea, a Guerra de Vietnam e a contra Iraq e Afganistán[xi].

 Pero mesmo en tempos de relativa paz, o gasto militar aumenta, como está sucedendo agora. De feito, na economía e na estrutura de clases sociais dos EUA formouse o «complexo militar-industrial», tal como o definiu en 1961 o presidente Eisenhower, o entrelazamento de intereses entre a industria bélica, as altas xerarquías das Forzas Armadas e os membros do Congreso, que inflúe nas decisións económicas e políticas do país.

 Unha demostración recente da influencia do complexo militar-industrial é o aumento do gasto militar para 2026 ata 1,010 billóns de dólares a pesar de que Trump anunciara previamente unha redución dun terzo do gasto para 2030. Ademais, nos últimos dez anos, entre 2014 e 2024, o gasto militar a prezos constantes dos EUA pasou de 833,7 billóns de dólares a 968,3 billóns, cun aumento do 16,1%[xii].

 A influencia do Estado, a través da guerra e dos gastos de guerra, sobre a acumulación capitalista non é un feito recente, senón que é tamén a causa da acumulación orixinaria do capital, tal como a define Marx no primeiro libro d’O Capital[xiii]. A acumulación orixinaria, da que xurdiu o modo de produción capitalista entre finais da Idade Media e comezos da era moderna, baséase no sistema colonial e na débeda pública.

 A través da expansión colonial, baseada na violencia e polo tanto na guerra armada, as riquezas americanas son saqueadas e levadas a Europa, onde constitúen a base da acumulación. A débeda pública, que determina a posibilidade ulterior de investimento rendíbel do diñeiro e do crecemento do capital bancario, representa unha invención italiana, debido á necesidade de financiar a guerra permanente na que estaban envoltas as cidades-estado italianas.

 A débeda pública será cada vez máis importante e necesaria para os primeiros estados nacionais europeos debido ás guerras e ao colonialismo, que levaron ao aumento exponencial do gasto militar, tamén debido á invención da pólvora e, polo tanto, á introdución de artillaría e fortificacións modernas e custosas[xiv].

 A débeda pública, a través da guerra e do gasto militar, aínda hoxe está vinculada á acumulación de capital. Vémolo hoxe en Europa, cando a Comisión Europea decidiu suspender as restricións orzamentarias que, segundo os tratados europeos, impoñen para limitar o déficit público ao 3%, garantindo a posibilidade de amplialo nun 1,5% adicional ao ano para o gasto militar.

 Isto é especialmente certo en Alemaña, o país que fora o abandeirado máis agresivo da austeridade orzamentaria e impedira calquera desviación das restricións orzamentarias durante a devastadora crise da débeda grega.

 En Alemaña, a disposición constitucional que impoñía un límite do 0,35% do PIB ao déficit estrutural do Estado federal foi recentemente derrogada apresuradamente por unha maioría de dous terzos do Parlamento saínte, xa que o novo Parlamento, cunha gran presenza de deputados de AfD e Die Linke, se opoñería. Así, mentres que para a sanidade, a educación, as pensións e o gasto social en xeral non se pode incorrer en débeda adicional, para o gasto militar si se pode.

 Isto é, polo tanto, unha confirmación máis do que dicíamos máis arriba: o gasto militar é ideal para o capital. Por unha parte, porque neste campo a iniciativa pública non é competitiva coa iniciativa privada e, por outra, porque subvenciona a industria bélica que opera en condicións de case monopolio e con prezos elevados, facilmente aceptados polos oficiais das Forzas Armadas que logo atopan colocación, ao xubilarse, nesa mesma industria bélica.

 Como escribiron Baran e Sweezy, a base de todo isto é o estado de estancamento perpetuo no que se ve a economía moderna: o capital monopolista é incapaz de saír de situacións de estancamento sen estímulos externos. E o estímulo externo máis importante é o gasto militar e a guerra coa destrución que leva consigo.

 Por esta razón, a única maneira de rematar coa guerra é superar o modo de produción capitalista por un novo modo de produción que non se centre na procura do máximo beneficio, senón na satisfacción das necesidades individuais e sociais.

_____________________________________________________________________________

Notas

[i] Marco Valsania, “Il primo budget Maga: tagli alle spese sociali, più soldi per le armi”, Il Sole 24 ore, 3 maggio 2025.

[ii] Gianni Trovati, “Difesa, 33 miliardi di spesa extra all’anno per i nuovi target Nato”, Il Sole 24 ore, 17 maggio 2025.

[iii] Gianluca Di Donfrancesco, “Merz: <<La Germania avrà l’esercito più forte d’Europa>>”, Il Sole 24 ore, 15 maggio 2025

[iv] Karl Marx, Il capitale, libro III, Terza sezione: legge della caduta tendenziale del saggio di profitto, Newton & Compton editori, Roma 1996.

[v] David Harvey, “Globalization and the “Spatial Fix”, Geographische revue, 2/2001.

[vi] P. A. Baran, P. M. Sweezy, Il capitale monopolistico.  Saggio sulla struttura economica e sociale americana, Einaudi editore, Torino 1968, p. 188.

[vii] Idem, p. 197.

[viii] Idem, p. 130.

[ix] Idem, pp. 149-150.

[x] Idem, p.140.

[xi] Andrew Kliman, The destruction of capital and the current economic crisis, 2009. http://gesd.free.fr/kliman91.pdf

[xii] Sipri, Military Expenditure Database.

[xiii] Marx, op.cit., Libro I, Capitolo ventiquattresimo. La cosiddetta accumulazione originaria.

[xiv] Giovanni Arrighi, Il lungo XX secolo. Denaro, potere e le origini del nostro tempo, Il Saggiatore, Milano 2003, pp. 143-151.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web italiano Laboratorio XXI, do 21 de maio de 2025]

Volver