A presión social e sindical obriga o Sergas a dotar o PAC da Guarda cun segundo equipo

A CIG-Saúde lembra que era unha reivindicación histórica da localidade

A Guarda -

O PAC da Guarda consegue por fin a implantación do segundo equipo de persoal facultativo e de enfermaría, unha reivindicación histórica da localidade. Deste xeito, o novo equipo comezou a funcionar o pasado día 25 de xuño, tras unha primeira demora no compromiso de que fose implantado xa dende o 1 de xuño.

Dende a CIG-Saúde lembran que se trata dunha vella aspiración da que se fixeron eco o colectivo ‘PAC en Pé de Guerra’ en 2018 e posteriormente as plataformas en defensa da sanidade pública da zona, as traballadoras/es do centro e a propia central sindical.
Este PAC levaba infradotado dende hai anos, xa que a poboación asignada, preto de 20.000 persoas, xustificaba este segundo equipo. Ademais, durante o período estival prodúcese un grande aumento de poboación debido a que é zona de veraneo e paso do Camiño de Santiago. 

O centro levaba infradotado dende hai anos, xa que a poboación asignada, preto de 20.000 persoas, xustificaba este segundo equipo

“É un centro cunha complexidade importante dada a distancia até o hospital, polo que unha saída do seu único equipo ao Álvaro Cunqueiro supoñía até o de agora a ausencia de persoal sanitario cando menos durante dúas horas”, explican dende a CIG-Saúde. Ao mesmo tempo, sinalan que o punto máis afastado entre os que atende o PAC atópase a uns 50 minutos. “Durante estas prolongadas ausencias a poboación da comarca só tiña á súa disposición o PAC de Tui como dispositivo de atención sanitaria”.

Neste senso, inciden en que a necesidade deste segundo equipo víñase recoñecendo por parte da Xerencia á comisión de centro dende hai varios anos, demorando a súa implantación coa escusa da falta de persoal. “Esta medida suporá un beneficio importante para a poboación tanto da Guarda como de Oia e do Rosal, que verá mellorada a súa asistencia; tamén as profesionais verán diminuída a sobrecarga de traballo que padecen”.

Finalmente, dende a CIG-Saúde amosan a súa satisfacción por unha “conquista” que é froito do “esforzo” das traballadoras/es do centro e da presión social. Con todo, advirten que “estaremos vixiantes” para que se garanta a súa continuidade e se consolide, tal e como está comprometido.

Volver