O contrato social na era do capitalismo financeiro
Alejandro Marcó del Pont -
A situación na que o «capital dos traballadores» financia actividades que prexudican activamente os intereses dos traballadores constitúe unha fonda contradición nas finanzas modernas. Pon de relevo a tensión entre un enfoque limitado na rendibilidade financeira e as responsabilidades sociais e éticas máis amplas inherentes á xestión do patrimonio colectivo
En 1762, Jean-Jacques Rousseau publicou O contrato social, un tratado que conceptualizaba o pacto implícito entre cidadáns e Estado como un equilibrio dinámico de dereitos e deberes. Este contrato non era estático, senón que evolucionaba coas correlacións de poder de cada época.
O contrato social xorde en Europa e esténdese por boa parte do planeta despois da II Guerra Mundial. Basicamente afirmaba o seguinte: quen cumpre as correlacións de poder, progresa, logra a estabilidade e a tranquilidade na súa vida. “Uns, os máis favorecidos, quedarían coa parte máis grande da torta, pero a cambio os outros, a maioría, terían traballo asegurado, cobrarían salarios crecentes, estarían protexidos fronte á adversidade e a debilidade, e irían aos poucos cara arriba na escala social”.
Hoxe, ese pacto foi substituído polo que o sociólogo Robert Merton chamou “o efecto Mateo”: «Ao que máis ten, máis se lle dará; ao que menos ten, até o pouco que ten quitaráselle». Esta lóxica define o capitalismo financeirizado do século XXI, un sistema que esqueceu as leccións das crises de 1914–1945 (dúas guerras mundiais e a Gran Depresión) e que ameaza con replicar o seu colapso.
O capitalismo non naceu financeiro. Nas súas orixes, organizouse ao redor de fábricas, salarios e mercadorías tanxíbeis. Con todo, como demostrou Giovanni Arrighi n’O longo século XX, o sistema atravesa ciclos onde o capital produtivo —esgotado pola caída de rendibilidade— se transforma en capital financeiro, marcando o inicio da súa decadencia.
A Venecia dos séculos XV–XVI dominou o comercio mediterráneo até que, superada por Portugal e España, os seus mercadores se converteron en banqueiros das coroas europeas. Esta idea podería replicarse para Holanda (século XVII), Reino Unido (século XIX–XX) e os Estados Unidos (século XX–XXI) co mesmo ciclo: hexemonía post-1945, industria e dólar como moeda global. Decadencia coa competencia de China, desindustrialización e financeirización desde os anos 1980. O capital concéntrase en Wall Street (derivados, fondos indexados, débeda pública) onde o sector financeiro supera o produtivo.
Hoxe, o sector financeiro estadounidense representa o 20% do PIB, superando a manufactura (11%). O diñeiro xa non se fai producindo bens, senón mediante derivados, fondos indexados e débeda.
Como explica Sanford M. Jacoby n’O traballo na era das finanzas, a financeirización redefiniu as relacións laborais. O poder xa non reside nos sindicatos nin nos Estados, senón en xestores de activos como BlackRock, Vanguard e State Street (as Big Three), que controlan:
- 26 billóns de dólares en activos (equivalente ao PIB dos EUA e China xuntos).
- O 88% das empresas do S&P 500.
Estes fondos operan baixo unha lóxica perversa: administran os aforros de mestres, enfermeiras e obreiros, pero invístenos en empresas que precarizan o traballo, debilitan sindicatos e externalizan empregos.
O auxe das empresas de xestión de activos cambia o funcionamento do capitalismo en xeral. De feito, este é se cadra o aspecto específico no que o concepto de «capitalismo da xestión de activos» é máis pertinente.
Os fondos de pensións —creados para garantir a seguridade económica na vellez— convertéronse en instrumentos que socavan aos propios traballadores:
- Investimentos antisindicais: apoian empresas como Amazon ou Walmart, coñecidas pola súa hostilidade cara á organización laboral.
- Privatizacións de servizos públicos: utilizan o aforro colectivo para financiar a mercantilización de auga, transporte ou educación.
- Curtopracismo financeiro: exixen maximizar ganancias trimestrais, aínda que iso implique recortar salarios ou deslocalizar plantas.
O resultado é un círculo vicioso: os traballadores aforran para a súa xubilación, pero os seus aforros financian prácticas que erosionan os seus dereitos e, por tanto, a súa capacidade futura de aforro. Investimento en empresas que socavan os dereitos laborais, en empresas coñecidas polas súas prácticas antisindicais agresivas, a explotación do traballo precario ou a subcontratación de empregos a rexións con salarios máis baixos.
Os fondos de pensións invisten en privatizacións como sistemas de auga, infraestrutura de transporte ou mesmo educación pública. Cando os seus fondos de xubilación se utilizan para privatizar estes servizos, poden provocar a perda de empregos, unha menor calidade do servizo, un aumento dos custos para os cidadáns.
Esta dinámica non é sostíbel. Como advertiu Arrighi, a financeirización é síntoma de decadencia, non de vitalidade. Os exemplos históricos —desde Venecia até o Imperio estadounidense— mostran que, cando o capital abandona a produción real, o sistema se volve fráxil.
O contrato social non intuía estes cambios, baseábase nunha premisa simple: o crecemento económico debía beneficiar a todos. Con todo, desde os anos 1980, a financeirización concentrou a riqueza de modo sen precedentes:
- 1% máis rico posúe 45% da riqueza global (Credit Suisse, 2023).
- Os salarios reais en Occidente estancáronse desde 1980, mentres os beneficios corporativos baten marcas.
En conclusión, a situación na que o «capital dos traballadores» financia actividades que prexudican activamente os intereses dos traballadores constitúe unha fonda contradición nas finanzas modernas. Pon de relevo a tensión entre un enfoque limitado na rendibilidade financeira e as responsabilidades sociais e éticas máis amplas inherentes á xestión do patrimonio colectivo. Abordar esta cuestión require un esforzo concertado para redefinir o deber fiduciario, mellorar a transparencia e empoderar a voz dos traballadores no ecosistema de investimento.
A pregunta final é debemos seguir permitindo que o aforro obreiro financie a súa propia precarización ou reconstruír un pacto onde o capital sirva ao traballo, e non ao revés?
[Artigo tirado del sitio web El tábano economista, do 1 de xuño de 2025]