O persoal do outlet de Massimo Dutti en Allariz traslada a Cogami as protestas contra os abusos laborais

A CIG-Servizos denuncia incumprimentos de convenio, despidos e sancións por reclamar dereitos

Allariz -

O cadro de persoal do outlet de Massimo Dutti en Allariz desenvolveu onte unha nova mobilización para rexeitar os abusos laborais por parte de Integratex, centro especial de emprego do grupo Inditex que fai parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e que se encarga da xestión do establecemento ourensán.

A protesta consistiu nunha concentración ás portas da sede de Cogami, na rúa da Farixa, en Ourense, durante a que despregaron unha faixa na que se podía ler “Non aos despidos, non aos abusos no outlet de Massimo Dutti” e berraron consignas como “A súa integración é a nosa explotación”, “Despedir non é integración”, “Presumen de integrar pero fannos enfermar” e “Nin despidos, nin sancións”.

Dende a CIG-Servizos de Ourense denuncian a situación que están a padecer as traballadoras/es desta tenda polo mero feito de reclamar os seus dereitos: “roubáronlles días de goce de vacacións na reforma e ampliación da tenda; incumpren os soldos do convenio colectivo e a suba salarial pactada hai máis dun ano con Integratex; e non lles recoñecen as categorías profesionais. Ao que hai que engadir o maltrato psicolóxico do que son vítimas”.

E inciden en que a única resposta da dirección cando as empregadas/os demandaron algún dereito que lles pertence foi sancionar e despedir “co único obxectivo de amedrentalas/os e mantelas/os caladas/os. Primeiro rescindíronlle o contrato a un traballador e logo sancionaron a outra traballadora con 16 días sen emprego e soldo, “nos dous casos de forma inxusta”.

Na central sindical consideran que a situación que ten que aturar o persoal é insostíbel, o que está a provocar ademais que haxa catro traballadoras de baixa médica, dun total de sete que ten a tenda. Por iso puxo en marcha unha campaña de denuncia pública e de mobilizacións, que incluíron catro xornadas de folga.

Unha campaña que podería continuar nas vindeiras semanas coincidindo coa celebracións dos xuízos por despido (2 de xullo) e por sanción (24 de xullo), que foron adiados por solicitude da propia empresa (en principio estaban fixados para o mes pasado).

En canto ás diferenzas salariais, as traballadoras/es víronse na obriga a ter que reclamalas polo Xulgado do Social ante a pasividade da empresa. “Hai un traballador que leva 16 anos na tenda (realiza función de encargado da caixa), ao que non se lle recoñece a categoría profesional correspondente e leva percibindo todos estes anos o salario de dependente”.

Volver