Desconvocada a folga no mantemento das zonas verdes de Vigo tras igualarse as condicións do persoal a tempo completo e parcial

O paro indefinido fora suspendido antes de iniciarse tras solicitar a empresa a mediación

Vigo -

O cadro de persoal da UTE Zonas Verdes Vigo (Acciona e Mantén) decidiu onte por maioría absoluta en asemblea desconvocar a folga indefinida tras un acordo que iguala as condicións laborais do persoal a tempo completo e a tempo parcial. O paro indefinido, cuxo inicio estaba previsto para o pasado luns 20 de xuño, fora suspendido antes de comezar tras solicitar a empresa a mediación.

Segundo explican dende a CIG-Servizos de Vigo, as partes pactaron que as persoas a tempo parcial van ter os mesmos dereitos que as que traballan a tempo completo, ademais de aplicárselles o convenio na súa integridade, “cousa que até o de agora non sucedía xa que non tiñan os mesmos descansos, nin o mesmo tempo para o bocadillo, nin os mesmos días de libre disposición, entre outras cousas”. 

O persoal non tiña os mesmos descansos nin os mesmos días de libre disposición

En virtude do acordo, a partir do vindeiro 1 de agosto o persoal a tempo parcial pasará a traballar 30 horas semanais para facer horario de tarde e gozarán de dous días de descanso rotativos.

Ademais, aumentaráselles a xornada no caso de que se produza un incremento do persoal a tempo completo. A xornada laboral a tempo completo é de de 35,30 horas este ano e 35 o que vén, “polo que o salario e a cotización do persoal parcial será case como o do persoal a tempo completo”.

Volver