Desconvocada a folga no mantemento dos parques e xardíns de Vigo tras pactar o convenio

A asemblea de traballadores/as aprobou hoxe en asemblea o preacordo por unanimidade, que garante poder adquisitivo e melloras laborais

Vigo -

O persoal da UTE Zonas Verdes de Vigo, concesionaria do servizo de mantemento dos parques e xardíns do Concello, decidiu hoxe por unanimidade en asemblea aceptar o preacordo de convenio asinado onte polo comité porque garante o poder adquisitivo e incorpora melloras laborais. Deste xeito fica desconvocada a folga indefinida que se iniciara o pasado 15 de xullo e se suspendera o día 29 tras alcanzar un principio de acordo coa empresa grazas ao traballo desenvolvido pola mediación do AGA.

As principais reivindicacións da parte social para o convenio colectivo propio pasaban por manter o poder adquisitivo, elaborar unha lista de contratación e garantir máis postos de traballo indefinidos, ademais de que todas as quendas tivesen o mesmo número de descansos.

A falta de acordo coa UTE obrigou os traballadores/as a convocar unha folga indefinida que se prolongou durante 15 días, até que ambas as partes acordaron solicitar a mediación do AGA. A primeira xuntanza celebrouse o pasado 29 de xullo, acadándose un acordo económico que garantía que non se perdese poder adquisitivo, cunha suba do 1,4% e do 1,6% para os anos 2024 e 2025 en todos os conceptos salariais, agás no plus de antigüidade.
De xeito que se a 1 de xaneiro de 2026 o IPC fica por riba do 3% a empresa aplicará un incremento adicional dun 1% que irá a táboas. Para os exercicios 2026 e 2027 a suba será do 3% para cada un dos anos, cunha cláusula de revisión a 1 de xaneiro de 2028. O plus de antigüidade revalorizarase un 3% en 2026 e outro 3% en 2027.

Este acordo parcial provocou que o persoal optase por suspender a folga até a nova reunión no AGA, que por problemas de coincidencia de datas no mes de agosto retomouse o día 22. Neste último AGA pactouse que o calendario laboral se fará en negociación e acordo coa RLT, no mes de decembro, unha vez publicado o calendario laboral oficial, equiparando o goce dos días festivos entre as persoas traballadoras na quenda de luns a venres coas persoas que están en quenda rotatoria e asumindo o movemento nas quendas destes últimos se fose necesario para que se dea a equiparación buscada.

A elaboración dunha listaxe coas persoas contratadas e outra coas persoas a tempo parcial, incluíndo aquí as contratadas baixo a fórmula de fixas descontinuas. O movemento dentro destas listas para a cobertura de vacantes que se vaian dando farase, para a contratación indefinida, a través da lista de tempos parciais e fixas descontinuas; e para a vacante deixada na lista de tempos parciais mediante a lista de contratacións.

En todos o supostos o cambio de listaxe virá dado seguindo un criterio de antigüidade, que se calculará por días traballados. E sempre que se reúnan os requisitos esixidos para o posto concreto ao que se postula, requisitos que serán baremados baixo criterios exclusivos de obxectividade.

Ademais, durante a vixencia do convenio, e co ánimo de mellorar a estabilidade e calidade de emprego, verase incrementada a forza de traballo e formalizaranse catro contratos indefinidos. Destes catro contratos, dous deles subscribiranse coas persoas traballadoras insertas na lista de persoal temporal e fixas descontinuas, conforme a antigüidade contada en días de traballo, sempre tamén respectando os criterios e requisitos obxectivos esixidos para o posto.

Valoración positiva

Tanto a CIG-Servizos como o conxunto dos traballadores/as valoraron positivamente o preacordo asinado, xa que se acadaron todos os obxectivos fixados ao inicio da negociación, ao tempo que se lle reclamou á empresa que non tome represalias coas persoas traballadoras, evitando calquera sanción derivada da folga.

Dende a CIG fan especial fincapé na unidade e a valentía amosada polo cadro de persoal durante o conflito, que foi quen de sacar adiante unha folga indefinida. E salientan que se lograse o obxectivo de garantir a estabilidade do emprego facilitando que as persoas con contratos a tempo parcial e fixo descontinuo teñan a oportunidade de pasar a tempos completos “nun contexto no que a liberdade de contratación precaria dificulta poder ter un salario digno e de calidade”.

Neste senso, inciden en que sen a conflitividade é imposíbel conquistar melloras laborais e salariais, “algo que este colectivo profesional está a demostrar continuamente, xa que grazas ás diferentes folgas goza dun convenio moi digno”. Finalmente critican o papel que xogou o Goberno local durante todo o conflito, xa que a pesar de tratarse dun servizo dependente do Concello “non fixo nada por desbloquear a situación, máis ben todo o contrario, chegando incluso a expresar ameazas e descualificacións ao conxunto do persoal por facer uso do dereito de folga”.

Volver