Palestina e Asia Occidental: obxectivos de guerra oficiais e reais
Said Bouamama -
O verdadeiro obxectivo de guerra de Netanyahu é volver debuxar todo o mapa rexional. Obxectivo que, desde hai tempo comparte cos neoconservadores estadounidenses, implica volver trazar as fronteiras con Siria e o Líbano, facer que Xordania e Exipto dependan totalmente de Israel, dobregar a Irán, deportar masivamente a poboación palestina e recoñecer a supremacía rexional de Israel
Cando se asinou o cesamento do fogo o pasado mes de xaneiro, un representante da ONU resumiu así a situación dos danos materiais: «Actualmente o enclave está enterrado baixo entre 40 e 50 toneladas de cascallos. […] Necesitaríanse uns 30.000 millóns de dólares para reconstruír Gaza, onde case o 70% das infraestruturas, o 60% das vivendas e o 65% das estradas foron destruídas durante a guerra de 15 meses»(1). Segundo o Observatorio Euromediterráneo de Dereitos Humanos, a cantidade de bombas lanzadas durante o seis primeiros meses da guerra (70.000 toneladas) superaba xa as «lanzadas sobre Londres en 1940-1941 (18.300 toneladas), Hamburgo en 1943 (8.500) e Dresde en 1945 (3.900 toneladas)»(2). Con estas poucas cifras abonda para diferenciar a secuencia de guerra actual de todas as que a precederon desde 1948 e a creación do Estado de Israel. Pon de relevo o obxectivo de modificar estruturalmente a relación de forzas na rexión, non só para Tel Aviv, senón tamén para Washington.
A rápida evolución do contexto rexional antes do 7 de outubro
O contexto rexional evoluciona dunha maneira particularmente rápida antes do 7 de outubro. A secuencia inicial do período é unha tendencia ofensiva desde hai tempo por parte dos Estados Unidos e Israel, e que empezou cos Acordos de Oslo, destinada a illar completamente a resistencia palestina por medio dos «Acordos de Abraham». Cada un dos actores destes acordos ten os seus propios obxectivos que acepta dentro dunha lóxica de realpolitik fría e cínica. Nun texto anterior ao 7 de outubro Hicham Alaoui, investigador da Universidade de Berkeley, analizaba estes acordos como unha alianza entre tres fundamentalismos: o dos evanxelistas estadounidenses, o dos fundamentalistas xudeus de Israel e o dos «fundamentalistas estatais» dos países árabes asinantes dos acordos. Resumía así os obxectivos de cada un deles antes do cataclismo do 7 de outubro: «Os Estados Unidos, baixo a presidencia de Donald Trump, querían relanzar unha hexemonía en declive. […] Aos aliados (Emiratos Árabes Unidos, Bahrein e Marrocos) atraíaos o engado de poder normalizar as relacións con Israel para lograr novos acordos comerciais, axuda militar e outras vantaxes. Marrocos […] esperaba que o feito de tender a man a Tea Aviv alixeirase as presións que se exercían sobre el respecto á cuestión do Sahara Occidental, en clave do recoñecemento de soberanía de Rabat sobre estes territorios» (véxase nota 1).
Na nosa opinión, a dimensión relixiosa do acordo non é senón o envoltorio aparente dos intereses económicos e xeoestratéxicos que hai en xogo na rexión. As clases dominantes sempre defenden os seus intereses utilizando os medios que consideran máis eficaces nun contexto determinado. O que hai en xogo para Washington é, por suposto, o control do nó estratéxico mundial que é Asia Occidental. Esta rexión, que está situada na intersección de Europa, Asia e África, ocupa esta posición de nó desde hai varios séculos e foi unha preocupación fundamental de todas as potencias coloniais e despois imperialistas desde o nacemento do capitalismo en Europa (véxase nota 2). Esta dimensión de nó estratéxico é o que constitúe a base material do apoio incondicional de Occidente a Israel, que o actual xenocidio ilustra unha vez máis. Tamén é esa dimensión a que dita os eixos fundamentais da estratexia estadounidense: contrarrestar a dinámica económica dos BRICS e en particular de China, illar a Irán antes de poder abatelo, impoñer a Israel como potencia rexional dominante e como garante local dos intereses occidentais.
Era imperativo illar a Irán para cumprir estes obxectivos estratéxicos e de aí provén o exacerbar intencionadamente o falso antagonismo entre xiítas e sunnís. O marco interpretativo relixioso, promovido intencionadamente por Washington, permite ocultar o que verdadeiramente hai en xogo en todo o mundo desde o punto de vista material e estratéxico mencionándoo como unha dimensión unicamente rexional. Segundo o discurso dominante, desde o punto de vista político e mediático non son senón o resultado dun «imperialismo iraniano» ao que ofrecen resistencia os Estados sunnís. Este marco interpretativo simplista xustificou desde 2015 a intervención militar no Iemen da coalición encabezada por Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos, co apoio dos Estados Unidos.
Esta secuencia inicial acabou durante o ano 2023, no que o mundo coñeceu unha brusca aceleración. Desde 2021 fóronse acumulando varios factores para producir esta aceleración, baixo a ollada momentaneamente impotente de Washington. O primeiro factor é a penetración económica de China na rexión e os resultados diplomáticos diso. En diante o Golfo asegura o 40% das necesidades que China ten de petróleo. O garantir este aprovisionamento tradúcese nunha intensa actividade diplomática: por unha banda, o asinamento en marzo de 2021 dun acordo de cooperación estratéxica por valor de 450.000 millóns de dólares estadounidenses e, por outra, a organización en decembro de 2022 de tres cimeiras en Arabia Saudita durante a visita do presidente chinés a este país: unha cimeira entre China e os países do Golfo, outra entre China e os países árabes e, por último, unha cimeira entre China e Arabia Saudita.
O segundo factor é o impasse militar no Iemen. Esta guerra custou máis de 100.000 millóns de dólares ao reino saudita, sen lograr ningún dos seus obxectivos de guerra(3). O terceiro factor é o «custo moral» desta guerra, que a ONU considera a peor catástrofe humanitaria do mundo(4). A chea de factores levou os Estados Unidos ao cataclismo que foi o restabelecemento das relacións diplomáticas entre Arabia Saudita e Irán en marzo de 2023 tras unhas negociacións secretas que levaron a cabo coa mediación de China. O aliado histórico dos Estados Unidos recupera as relacións diplomáticas co «inimigo xiíta» (que Washington se afanou en construír) e, por riba, coa mediación de China, considerada o «inimigo numero un» desde que os Estados Unidos adoptaron a teoría do «pivote asiático» a primeiros da década de 2010. Verificábase unha vez máis o dito atribuído a De Gaulle: «Os Estados non teñen amigos, só intereses».
O significado estratéxico do 7 de outubro
O contexto recente dunha brusca aceleración da historia é imprescindíbel para entender á vez a ofensiva militar palestina do 7 de outubro e os seus obxectivos, a violencia da reacción de Israel alentada polos Estados Unidos e a actual relación de forzas tras 18 meses de xenocidio. En efecto, esta mutación do contexto rexional é o que levou as organizacións da resistencia palestina a consideraren, con toda razón, que a situación era propicia para romper a dinámica dos Acordos de Abraham. Estes acordos impuxeran o illamento da resistencia palestina, a intensificación da colonización, a transformación de Gaza nun cárcere a ceo aberto para os dous millóns de persoas que habitaban nela e a desaparición da cuestión palestina da axenda política e diplomática mundial. O primeiro obxectivo e o resultado do 7 de outubro é, efectivamente, a paralización momentánea da dinámica dos Acordos de Abraham e a volta da cuestión palestina, que de novo se impón nun lugar destacado das axendas.
O conxunto das organizacións da resistencia palestina comparte este obxectivo. A Operación «Diluvio de Al Aqsa» non é só unha operación de «Hamas», como afirmaron e seguen afirmando a maioría dos medios de comunicación. Nesta operación militar participaron outras cinco organizacións que van desde a Yihad Islámica á Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) que se considera marxista. Aínda que Hamas ten unha importancia preponderante, estamos lonxe da simplificación dominante a unha acción levada a cabo por uns fanáticos islamitas.
Para lograr ese resultado requiríase unha operación militar de envergadura. O ataque simultáneo contra as bases militares israelís do perímetro da Franxa de Gaza e contra as cidades próximas a elas por parte de comandos que cruzaron o muro de separación a pé, en moto, en coche, en camión ou en ultralixeiro reuniu a case 3.000 combatentes. O obxectivo da operación era tomar a maior cantidade posíbel de reféns para negociar despois a liberación de presos palestinos. A noticia da Axencia France Press, baseada nos cálculos da seguridade social israelí, avalía a cantidade de vítimas da seguinte maneira: «A cantidade de persoas mortas no ataque ascende hoxe a 695 civís israelís, entre eles 36 nenos, así como 373 membros das forzas de seguridade e 71 estranxeiros, o que dá un total de 1.139 persoas»(5). As autoridades israelís calcularon que había 240 reféns. Estas cifras bastan para salientar a magnitude inédita da operación e tamén pon de relevo a desproporción da resposta israelí. O 24 de abril UNICEF presentaba así o balance humano desta resposta: 51.266 persoas mortas, das cales 15.613 eran nenas e nenos, ademais de 11.200 persoas desaparecidas(6).
Un ano despois, o 7 de outubro de 2024, o historiador Vincent Lemire analiza así o que denomina un «punto de inflexión radical»: «O 7 de outubro [de 2023] supón un punto de inflexión radical. Este conflito coñeceu unha sucesión de guerras interestatais (1948, 1967 e 1973), de Intifadas (1987 e 2000), máis tarde o fracaso dos Acordos de Oslo (1993) e, finalmente, os Acordos de Abraham (2020). O 7 de outubro puxo fin á miraxe dos acordos de paz do pasado e á ilusión de crer que os acordos comerciais entre Israel e uns réximes árabes autoritarios poderían solucionar a cuestión palestina»(7).
O resultado do 7 de outubro [de 2023] fixo tamén que se esfarelase o relato acerca da seguridade de Israel segundo o cal o Estado israelí é totalmente invulnerábel debido á súa superioridade tecnolóxica militar e a uns servizos de seguridade que se consideran infalíbeis. Este relato sobre a seguridade difundiuse consciente e constantemente para provocar na poboación israelí unha sensación de seguridade case total. A correspondente de Le Monde en Tel Aviv titulaba un artigo «En Israël, une émigration sans précédent» [Emigración sen precedentes en Israel] e explicaba: «Miles de persoas israelís, en ocasións familias enteiras, abandonaron o país para se instalaren no estranxeiro. As razóns son a inseguridade e a guerra en Gaza, pero tamén a política do goberno Netanyahu e o peso da relixión no país»(8). A Oficina Central de Estatística israelí avaliaba así en decembro de 2024 estas saídas que se produciron no ano 2023: «82.700 persoas abandonaron Israel en 2024, mentres que só regresaron 23.800»(9). Algo nunca visto desde a creación do Estado de Israel. A situación é similar na fronteira co Líbano, onde a sensación de inseguridade nunca foi tan grande. Para unha cantidade cada vez maior da poboación israelí xa non é críbel a idea dunha política de disuasión eficaz por medio da ameaza permanente dunha intervención no Líbano.
Do mesmo xeito, o discurso oficial israelí sobre a resistencia palestina quedou moi debilitado. Este discurso afirmaba que esta resistencia perdera potencia e que só se sostiña grazas ao apoio exterior e, en particular, o de Irán. Desde había varias décadas o eixo central da defensa declarado oficialmente era a famosa «ameaza iraniana» e os territorios palestinos considerábanse, no mellor dos casos, totalmente baixo control e, no peor, rapidamente controlábeis. A Operación «Diluvio de Al Aqsa» desmente a imaxe dunha resistencia palestina reducida a algúns fatos e testemuña a capacidade desta resistencia para levar a cabo ataques de grande envergadura. Por último, a magnitude do apoio estadounidense vén subliñar a ollos de todos que a «seguridade» é imposíbel sen unha dependencia extrema dunha potencia exterior. É verdade que no pasado os Estados Unidos nunca escatimou axuda económica e militar a Tel Aviv, pero nunca nas proporcións actuais: despregamento de buques de guerra, entrega masiva de armas, apoio loxístico, etc.
Estes factores indican que o 7 de outubro provocou unha modificación brusca e radical da relación de forzas rexional a favor do pobo palestino. Non se pode comprender a violencia da resposta de Israel, é dicir, o atroz xenocidio perpetrado desde hai ano e medio, sen ter en conta este cambio inesperado. Lonxe de ser unicamente o resultado dunha simple «tolemia» de Netanyahu, é primeiro de nada un intento de investir de forma igual de radical a nova relación de forzas que creou o 7 de outubro.
Obxectivos de guerra declarados e obxectivos reais
O xenocidio en curso lévase a cabo a partir de tres obxectivos de guerra declarados desde que empezou a matanza: «erradicar a Hamas, liberar os reféns e impedir que Gaza siga sendo unha ameaza para a seguridade de Israel». Catro meses despois Netanyahu volve á carga para lembrar estes obxectivos e prometer que «a vitoria está ao alcance da man. Non é cuestión de anos ou décadas senón de meses»(10). Alén do carácter contraditorio entre o obxectivo de «liberar os reféns» e o de «erradicar a Hamas», estes obxectivos de guerra son imposíbeis de cumprir. Como é frecuente nas guerras coloniais, os militares son máis lúcidos, a imaxe do portavoz do exército israelí Daniel Hagari que o 19 de xuño de 2024 declarou en televisión: «Hamas é unha ideoloxía, non se elimina unha ideoloxía. Dicir que imos facer desaparecer a Hamas é enganar a opinión pública»(11).
A ampliación oficial dos obxectivos de guerra o 17 de setembro de 2024 tampouco é nada realista. O comunicado deste día anunciaba así esa ampliación: «A volta con total seguridade dos habitantes do norte [do país] aos seus fogares»(12). E a mesma semana precisou ese novo obxectivo de guerra no referente aos medios: «Destruír toda a estrutura militar de Hezbola, que se foi construíndo ao longo de dúas décadas»(13). O investigador e experto militar do Centre français de recherche sur le renseignement (Centro Francés de Investigación sobre os Servizos de Intelixencia) Olivier Dujardin avaliaba da seguinte maneira o realismo deste obxectivo: «Unha organización como Hezbola non se destrúe. Nin sequera a eliminación de todos os seus membros provocaría a súa desaparición, porque a razón e as condicións que presiden a súa existencia seguen sendo de actualidade. Cando se fai fronte a unha organización como Hezbola, que pode contar con entre 50.000 e 100.000 combatentes segundo as fontes, e se decapitan as súas cabezas, de súpeto xorde unha miríade de células que van tardar un tempo en reunificarse, pero que o acabarán facendo. […]. Os israelís compran tempo unicamente para unhas semanas ou meses»(14).
Os nada realistas obxectivos de guerra de Netanyahu non significan que o primeiro ministro israelí sexa irracional. Reducir, como se fai habitualmente, a Netanyahu a un demente completamente desconectado da realidade non axuda en nada a comprender a situación. Na nosa opinión, os nada realistas obxectivos de guerra de Netanyahu non son senón unha pantalla destinada a agochar os seus verdadeiros obxectivos de guerra: volver debuxar todo o mapa rexional. Este obxectivo de guerra fundamental, que desde hai tempo comparte cos neoconservadores estadounidenses, implica volver debuxar as fronteiras con Siria e o Líbano, facer que Xordania e Exipto dependan totalmente de Israel, dobregar a Irán, deportar masivamente a poboación palestina e recoñecer contractualmente a supremacía rexional de Israel.
Elementos para estabelecer o balance dunha guerra xenocida
Un ano e medio despois dunha guerra xenocida, que se anunciou como unha guerra que non debía durar máis que «uns meses», non se cumpriu ningún dos obxectivos de guerra. Non só non se erradicou a Hamas nin a Hezbola, senón que Tel Aviv se viu obrigado a negociar cesamentos do fogo con ambas as organizacións. Con todo, este fracaso estratéxico non debe levarnos a subestimar a magnitude das vitorias tácticas obtidas por medio dun despregamento inédito de forzas militares na rexión, de gastos militares tamén sen precedentes e dunha persistente violencia xenocida sen límite. Son graves os golpes inflixidos tanto ás forzas da resistencia palestina como á principal delas, Hamas, e debilitan considerábel e permanentemente a capacidade de acción militar das devanditas forzas. O mesmo ocorre no Líbano con Hezbola.
Desde o 7 de outubro Netanyahu reafirmou a posición de Israel como primeira potencia militar da rexión. Non se pode comprender esta demostración de forza, totalmente desproporcionada en relación á as forzas contrarias, sen ter en conta a magnitude dos efectos do 7 de outubro sobre a sociedade israelí, sobre o pobo palestino e, máis amplamente, sobre o conxunto dos pobos da rexión. Tratábase de tentar restabelecer o mito de que o exército israelí é invencíbel, mesmo á conta dun xenocidio. A imaxe internacional de Israel, a vida das e os reféns, os equilibrios internos da sociedade política israelí, etc., todo iso se sacrificou en prol desta preocupación fundamental a curto prazo. O prezo pagado é inmenso. Israel nunca estivo tan desacreditado a ollos da opinión pública mundial. Quince países apoiaron rapidamente a denuncia por xenocidio que presentou Suráfrica na Corte Penal Internacional. Multiplícanse os países que, ao igual do Estado español, Irlanda, Noruega, Eslovenia e Armenia, recoñece o Estado palestino. A Corte Penal Internacional emitiu unha orde de detención contra Netanyahu e o seu ministro de Defensa en novembro de 2024 por mor da súa investigación sobre crimes de guerra. Estes feitos poñen de relevo que a vitoria militar se realiza á conta dunha derrota moral esmagadora, a cal é, ela si, a longo prazo.
A vitoria militar táctica non vai acompañada de vitoria política ningunha. Non se estabeleceu ningún distanciamento entre o pobo palestino e as súas organizacións de resistencia nin entre Hezbola e as persoas que viven no Sur do Líbano. Unha das funcións da violencia total do exército israelí era, precisamente, provocar esa fractura. A imaxe de persoas refuxiadas que volvían durante o cesamento do fogo tanto en Gaza como en Líbano dá testemuño dun fracaso total neste dominio. As persoas refuxiadas retornan aos seus fogares e vólvense instalar entre as ruínas ondeando bandeiras de Hamas e de Hezbola. Agora ben, a historia das loitas de liberación nacional testemuña que as vitorias militares sen unha vitoria política poden, sen dúbida, debilitar o adversario, pero non poden vencelo e, menos aínda, erradicalo, como clama Netanyahu.
Por exemplo, despois dos masacres de Sétif, Guelma e Kherrata en Alxeria en 1945 que causaron a morte de decenas de miles de persoas, o xeneral Duval, responsábel deste crime, resumía así a situación: «Deivos a paz para dez anos; se Francia non fai nada, todo volverá empezar, peor e probabelmente de forma irremediábel»(15). O adolescente Kateb Yacine, que foi testemuña desta violencia, explica o efecto que este macabro espectáculo tivo sobre sobre a súa traxectoria: «Foi en 1945 cando o meu humanitarismo se enfrontou por primeira vez ao máis atroz dos espectáculos. Eu tiña vinte anos. Nunca esquecín a conmoción que sentín ante a desapiadada carnizaría que provocou a morte de varios miles de persoas musulmás. Iso alicerzou o meu nacionalismo»(16). As e os nenos e adolescentes que agora son a «xeración do xenocidio» experimentarán loxicamente uns efectos similares. O secretario de Estado estadounidense Anthony Blinken constatábao xa en xaneiro de 2025: «Sen […] un horizonte político críbel para a poboación palestina, Hamas (ou calquera outra cousa igual de abxecta e perigosa) volverá xurdir, […], calculamos que Hamas recrutou a case tantos novos militantes como os que perdeu»(16). Por suposto, a situación no Líbano respecto de Hezbola é similar.
O momento crucial de 2025
A caída de Bachar Al-Assad e máis tarde a chegada ao poder de Trump son dous acontecementos que modifican considerabelmente a relación de forzas. A nova configuración suprime unha base de retagarda das resistencias palestina e libanesa, illa aínda máis a Irán e suprime todos os límites, incluídos os formais, aos plans de cirurxía política e territorial de Netanyahu. Este último, que con razón considera que está nunha situación histórica inédita desde a Nakba, pensa poder asumir agora os seus obxectivos de guerra reais. Xa non se trata de «erradicar a Hamas», senón de transformar Gaza e Cisxordania en espazos nos que non se pode vivir para provocar un éxodo masivo. O obxectivo xa non é instalar unha administración palestina totalmente dependente de Tel Aviv, senón de acelerar considerabelmente a colonización. O obxectivo xa non é facer seguras as fronteiras do Sur do Líbano, senón impor, como mínimo, o desarmamento de Hezbola e, no mellor dos casos, a transformación das fronteiras. A mesma lóxica prevalece en Siria, onde se afirma o obxectivo dunha presenza permanente co pretexto de estabelecer unha «zona de seguridade».
O discurso de Donald Trump sobre a «Riviera de Gaza» do pasado 4 de febreiro non é un simple delirio de megalómano. O seu obxectivo é escandalizar polo seu maximalismo para facer aceptábeis unhas «solucións» intermedias igual de inaceptábeis. Permite banalizar a idea dunha deportación masiva orientando o debate cara ás condicións da deportación. As violacións do cesamento do fogo tanto en Palestina como no Líbano e a instalación permanente de tropas israelís en Siria inauguran unha nova estratexia militar para logralo. Vexamos, sen sermos exhaustivo, algúns destes eixos estratéxicos.
O primeiro é unha presión política e diplomática do goberno de Estados Unidos sobre o Líbano, asociada a continuar cos bombardeos israelís para conseguir o desarmamento de Hezbola. Tendo en conta o estado en que está o exército libanés, o devandito desarmamento significaría un Líbano sen ningunha capacidade de defensa. O segundo eixo é a destrución do conxunto das capacidades militares sirias, a pesar dun novo goberno que é, cando menos, conciliador con Tel Aviv. Esgrímese ao mesmo tempo o argumento da seguridade para xustificar unha zona de seguridade permanente. O terceiro eixo é, por suposto, Irán, ao que hai que presionar con firmeza para que Teherán se repregue a unha postura unicamente defensiva e deixe de apoiar a resistencia libanesa e palestina.
Polo que se refire a Palestina, tanto en Gaza como en Cisxordania, o cambio militar que comezou coa continuación da guerra o 18 de marzo adopta a forma do discurso sobre as «zonas tapón», que non son senón anexións. Os bombardeos e asasinatos de personalidades da resistencia, que foran as principais formas de intervención militar desde o 8 de outubro, dan paso á ocupación pura e simple. Simultaneamente continúa a destrución metódica de todas as condicións de existencia e, en particular, das infraestruturas (escolares, médicas, relixiosas, etc.) das zonas non anexionadas. O obxectivo é, por suposto, crear un sentimento de impotencia, lograr desarmar moralmente, provocar unha lóxica de renuncia e lograr que se consinta o exilio. Lonxe de ser cegas, as operacións militares israelís baséanse, pola contra, nestes obxectivos de desmoralización colectiva.
No momento en que terminamos este artigo non se observan signos de que estea a ter éxito a nova estratexia, a pesar de que a vida cotiá en Palestina se volveu un pesadelo. A propia prudencia coa que o exército israelí evita todo contacto militar directo coas cidades palestinas indica que Hamas está lonxe de ser «erradicado». Non tivo lugar a esperada revolta xeneralizada da poboación palestina contra as organizacións de resistencia. Enterráronse os soños de chegar a un acordo cos países veciños para que acollan a poboación palestina, posto que os gobernos destes países non poden asumir ante os seus pobos ser cómplices de semellante deportación. No Líbano, Hezbola, que está moi debilitado, pero segue sendo a principal forza militar do país, rexeitou totalmente a idea mesma dun desarmamento. Os intentos por parte dos Estados Unidos de conseguir que Arabia Saudita e os Emiratos renoven a guerra contra os hutís recibiron unha negativa categórica pola mesma razón. En Irán, a pesar das ameazas e ultimatos de Trump, este último abriu negociacións con Teherán, o que arruína os soños de Netanyahu dunha guerra rápida e total. A reacción popular foi tan forte que mesmo o novo réxime sirio se viu obrigado a recuar oficialmente respecto do seu anuncio de que en 2026 ía asinar os Acordos de Abraham con Tel Aviv.
O panorama actual dista moito de ser o dun éxito estratéxico israelí. Máis ben hai que pensar nunha lóxica de lameira e estancamento.
_____________________________________________________________________________
Notas:
(1) Hicham Alaoui, «Les accords d’Abraham, expression d’une alliance religieuse fondamentaliste», Orient XXI, 12 de outubro de 2023 (o autor precisa que escribiu a análise antes do 7 de outubro).
(2) Só outra rexión, o Sueste Asiático, ten tamén esta dimensión de nodo estratéxico mundial ao representar o 40% do comercio transoceánico mundial. Non é de estrañar que sexa tamén un ámbito de permanente confrontación, especialmente entre os Estados Unidos e China.
(3) «Under Pressure: Houthis Target Yemeni Government with Economic Warfare», Middle East Institute, 27/02/2023.
(4) «Yémen: pire catastrophe humanitaire au monde, la sortie de crise exige un dialogue politique entre les parties, selon de hauts responsables onusiens».
(5) Noticia de AFP do 15-12-2023.
(6) Unicef, «Israël-Territoires palestiniens: après le cessez-le-feu, l’incertitude», pódese consultar na páxina web de UNICEF: https://www.unicef.fr.
(7) Vincent Lemire, «Ll 7 octobre est un tournant radical», La Chronique, revista de Amnistía Internacional, 7-10-2024.
(8) Isabelle Mandraud, «En Israël, une émigration sans précédent», Le Monde, 28 de xaneiro de 2025.
(9) «En Israël, une “fuite des cerveaux” massive en 2024», Courrier International, 2 de xaneiro de 2025.
(10) Rolda de prensa de Benjamin Netanyahou, noticia de AFP, 7 de febreiro de 2024.
(11) Noticia de AFP, 19 de xuño de 2024.
(12) «Le retour des habitants du nord d’Israël, nouveau but de guerre pour Netanyahou», Comunicado da oficina do primeiro ministro, AFP, 17 de setembro.
(13) Ghazal Golshiri e Hélène Sallon, «L’embarras de l’Iran face à l’offensive israélienne contre le Hezbollah», Le Monde, 25 de setembro de 2024.
(14) «Israël rêve d’un “nouveau Moyen-Orient”, mais à quelle réalité se heurtera-t-il?», The Conversation, 29 de outubro de 2024.
(15) Carta do xeneral Duval ao goberno francés, 16 de maio de 1945, citado en Guy Pervillé, La guerre d’Algérie, PUF, París, 2021, p. 34.
(16) Boucif Mekhaled, «Entretien avec Kateb Yacine du 21 juillet 1984», en Chronique d’un massacre, 8 maio 1945, París, Édition Syros, 1995.
(17) Le Monde, 14 de xaneiro de 2025.
_____________________________________________________________________________
Texto orixinal: https://bouamamas.wordpress.com/2025/05/12/palestine-et-moyen-orient-buts-officiels-de-guerre-et-buts-reels/
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado de Rebelión, do 17 de maio de 2025]