Rexístrase no Parlamento a ILP 'por unha CRTVG ao servizo do pobo’

Nacional -

A plataforma ‘Por unha CRTVG ao servizo do pobo’, da que fai parte a CIG, vén de rexistrar no Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para que, por lei, a radiotelevisión de Galiza cumpra os fins para os que foi creada: promoción e defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura; garante do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social e promoción activa da igualdade entre homes e mulleres.

Coa presentación do texto articulado, a Mesa do Parlamento procederá a examinalo e resolverá sobre a súa admisión no prazo dun mes. Unha vez admitida, a Mesa terá que comunicarllo á Xunta Electoral, que garantirá a regularidade do procedemento de recollida de sinaturas –un mínimo de 10.000– pola Comisión Promotora. 

A Xunta mantén baixo control absoluto os medios públicos, antepoñendo os intereses do PP aos valores de carácter ético e político nos que debe fundamentarse o servizo público

A plataforma ‘Por unha CRTVG ao servizo do pobo’ denuncia que o executivo galego mantén baixo control absoluto os nosos medios públicos, a TVG e a Radio Galega, e que “actuando ao servizo da forza política do goberno, antepón os intereses do PP aos valores de carácter ético e político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo”.

Por iso a plataforma pretende que se preserven os fins para os que os nosos medios públicos foron creados cun “respecto escrupuloso á obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e o pluralismo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”.

Baixo control do PP

A ILP pon especial énfase na programación infantil e xuvenil, propoñendo a creación de canles temáticas, e na preservación do patrimonio documental. Mais tamén na democratización da propia CRTVG, a comezar polo nomeamento tanto do Consello de Administración como do seu director ou directora xeral, elixido a dedo polo PP e que se mantén no cargo de forma ilegal desde o ano 2016.

Proponse que o seu nomeamento sexa por concurso público, a proposta dun comité de expertos e aprobado polos dous terzos do Parlamento, por un período de 5 anos e cunha prórroga máxima por un período de idéntica duración.

Preserva tamén que a produción e edición de informativos sexa realizada por profesionais da propia CRTVG, aposta por un Estatuto Profesional e pola creación dun Consello de Informativos que salvagarden a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos.

Volver